O PSOE reclama a ordenanza do botellón ante os incidentes dos últimos días

O PSdeG-PSOE de Ourense esixe o desbloqueo da comisión de redacción da ordenanza do botellón ante o elevado número de incidencias detectadas a fin de semana pasada, moitas delas relacionadas con grandes concentracións de persoas facendo un uso indebido do cubrebocas, logo de que a Xunta levantase as restricións para as reunións sociais e se ampliasen os horarios de peche da hostalaría.

“É máis importante que nunca retomar axiña esta comisión, impulsada polos socialistas e que leva paralizada dende a saída do PP do bigoberno” sinalan dende o grupo municipal socialista, ao tempo que alertan da “crise social” que está a xerarse pola proliferación de “macrobotellóns” na cidade e a falta dunha normativa clara ao respecto.

AVANTAR ACTIVIDADES

Neste sentido, lembran que a ordenanza municipal reguladora da convivencia cívica e a protección da saúde derivada do consumo, venda, publicidade e promoción de bebidas alcohólicas no espazo público do concello de Ourense –comunmente coñecida como a ordenanza do botellón-, pretende desenvolver a competencia municipal no consumo de bebidas alcohólicas de calquera gradación na vía pública, co fin de evitar os problemas de convivencia e deterioración de espazos naturais e urbanos que se derivan das reunións masivas en prazas e parques co alcohol como vehiculizador.

Así mesmo, os socialistas censuran “a falta de sensibilidade” do microgoberno de Jácome cara ao impacto deste fenómeno social na degradación da convivencia cidadá e piden que o executivo local poña en marcha “un plan de intervención tanto a nivel social como educativo” para paliar as consecuencias derivadas desta práctica e fomentar o desenvolvemento de hábitos respectuosos e saudables a nivel individual e colectivo.