Sogama e a Deputación de Ourense renovan o convenio para a xestión das 11 microplantas de residuos da provincia por 1 m€

  • Estará en vigor os vindeiros catro anos e regulará o transvase de case 47.000 toneladas anuais procedentes destas instalacións, que atenden a 76 concellos
  • Ambas entidades apostan polo obxectivo de garantir unha xestión sostible, coa máxima eficiencia e o menor custe económico posible, grazas a esta colaboración
  • Máis alá do convenio, cómpre lembrar que a Xunta, a través de Sogama, porá en marcha unha planta de biorresiduos en Verín e habilitará dúas plantas de transferencia en Ourense e na Rúa

O Consello da Xunta autorizou esta mañá a renovación do convenio de colaboración entre a Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama) e a Deputación de Ourense, co fin de que as 11 microplantas para a transferencia de residuos urbanos que operan na actualidade na provincia continúen a ser xestionadas de forma sostible, é dicir, coa máxima eficiencia e o menor custo económico.

O convenio, cunha vixencia de catro anos desde o vindeiro 1 de xullo, prevé un orzamento de 1 millón de euros, cos que se estima que se xestionarán preto de 47.000 toneladas anuais de lixo. A Deputación, propietaria das instalacións, achegará o persoal, mentres que Sogama se encargará do transporte dos residuos transferidos nas mesmas ata o Complexo medioambiental de Cerceda, para o seu tratamento.

AVANTAR ACTIVIDADES

Así, colaborarse no servizo que ofrecen as microplantas do Carballiño, O Ribeiro, Terra de Celanova, A Limia, Monterrei, Santa Águeda, Ourense, Navea-Bibei, Baixa Limia, Conxo-Frieiras e Viana do Bolo, que garanten o servizo a 76 concellos da provincia e unha poboación estimada de 180.000 veciños.

Este novo convenio recolle as experiencias positivas e melloras incluídas nos anteriores —entre 2010 e 2021—, perfilándose con maior concreción as competencias que cada parte pode asumir para prestar conxuntamente un mellor servizo público na xestión dos residuos, cualificado como esencial, prestando especial atención a aquelas localidades con máis limitacións xeográficas, orográficas e poboacionais.

Compostaxe doméstica

De forma paralela, Sogama e a Deputación tamén veñen colaborando na implantación da compostaxe doméstica nos concellos da provincia con menos de 20.000 habitantes —todos menos a capitalidade—. A pretensión é que a veciñanza autoxestione a materia orgánica nas propias vivendas, converténdoa en abono natural de calidade que regresa á terra en forma de fertilizante, evitando deste xeito que acabe depositada no contedor verde convencional, cos conseguintes custos de transporte e tratamento.

No marco deste programa, ao que están adscritos 81 concellos, repartíronse 1.125 composteiros entre outras tantas vivendas, desenvolvéndose igualmente a correspondente campaña formativa e de concienciación.

Planta de biorresiduos en Verín

Máis alá do convenio, cómpre lembrar que a Xunta de Galicia, a través de Sogama, porá en marcha unha planta de biorresiduos en Verín, concretamente no polígono industrial de Pazos, que dará servizo directo a 22 concellos.

Esta instalación estará apoiada por dúas plantas de transferencia —Ourense e A Rúa—, nas que se habilitará unha tolva específica para transvasar, a contedores de gran capacidade, a materia orgánica recollida selectivamente a través do quinto contedor, de cor marrón, que se implantará nas rúas, transportándoa  á planta de biorresiduos. A planta de transferencia de Ourense poderá dar servizo a 52 concellos e a da Rúa, a 18.

Deste xeito, garántese que 92 concellos da provincia de Ourense dispoñan dunha planta de biorresiduos, ou dunha planta de transferencia, a menos de 50 km de distancia. Quedarían a unha distancia maior só tres municipios de pequeno tamaño, nos que a valorización da materia orgánica poderíase levar a cabo a través da compostaxe doméstica e/ou comunitaria.

Esta rede formará parte dunha máis ampla xa deseñada para atender as necesidades do conxunto de Galicia e que estará conformada por outras tres plantas públicas de biorresiduos —a de Cerceda, xa en operación; e as proxectadas en Cervo e Vilanova de Arousa—, ademais da de Verín. As catro instalacións estarán apoiadas por un total de 13 plantas de transferencia.

Se ben a xestión dos residuos urbanos é unha competencia municipal, este amplo mapa de infraestruturas, no que se investirá 35 millóns de euros, créase precisamente para axudar aos concellos a dar debido cumprimento á súas obrigas legais: implantar a recollida selectiva da materia orgánica, todo máis tardar, o 31 de decembro de 2023. A rede complementarase con outras plantas de compostaxe industrial, tanto públicas como privadas, actuais e futuras.