O Psdeg-Psoe tacha de “crónica dun pacto anunciado” o carteo entre DO e PP: “a única alternativa para Ourense é un goberno de progreso coma o das demais cidades galegas”

“Ourense está en liquidación por final de temporada, con dous socios que queren blindarse economicamente a costa da cidade”, lamentan dende o grupo municipal socialista

Acusan ao PP de mentir á cidadanía para lucrarse e aseguran que a axilidade na resposta dos populares á misiva do alcalde delata un plan “artellado con Feijoo ante a petición de auxilio de Baltar”

AVANTAR ACTIVIDADES

 O PSDEG-PSOE de Ourense asegura que o intercambio de misivas entre Democracia Ourensana e Partido Popular é “o último episodio da crónica dun pacto anunciado e perfectamente orquestrado” que supón “un engano masivo á cidadanía” e cuxa única finalidade é “encher os petos dos dous socios”.

“Poderiamos falar de crónica dunha morte anunciada, a morte de Ourense, que hoxe está en liquidación por final de temporada, con dous asociados que queren blindarse economicamente a costa da cidade”, manifestan os socialistas, que engaden que “a única alternativa é un goberno de progreso como o das restantes cidades galegas, que o PP bloqueou por todos os medios posibles”.

Así as cousas, dende o grupo municipal socialista aseguran que a axilidade na resposta dos populares á “petición desesperada dun alcalde de insignificante peso político” delata un plan “artellado co visto e prace de Feijoo ante a petición de auxilio de Baltar”, e destapa “o paripé da moción de confianza” como parte da negociación dun “contrato blindado cuxa cláusula de restrición lle vai saír moi cara á cidade”. “Pronto empezaremos a ver cal é o reparto do negocio”, apostilan.

“Trátase dunha petición de matrimonio de conveniencia no que o único que buscan as partes é lucrarse a conta da cidade”, lamentan dende o grupo municipal socialista, ao tempo que cualifican de “escusa e falacia” o argumento da “suposta estabilidade” empregado polos populares para xustificar a volta ao bigoberno con Jácome.

“PP e DO non poden darlle estabilidade á cidade porque non suman 14, mais existe unha maioría alternativa, encabezada polos socialistas, que si contaría cun aval de votos e permitiría levar adiante os proxectos que Ourense precisa para saír da parálise na que se atopa sumida”, aclaran os socialistas.