A secretaría provincial de emigración do Psdeg-Psoe de Ourense explica os procedementos polos retornados de alemania en todo o relativo a pensión básica

O límite de ingresos para optar a esta nova prestación está establecido en 1250 euros ao mes para aqueles que realizan a declaración de xeito individual e en 1950 euros para a conxunta

“Os futuros beneficiados non teñen que facer ningún trámite”, afirma Luís Gulín, que subliña que a propia Seguridade Social xermana “porase en contacto coas persoas seleccionadas”

AVANTAR ACTIVIDADES

 O PSdeG-PSOE de Ourense prosigue, a través da súa secretaría provincial de emigración, coa labor de asesoramento e solución de dúbidas ao colectivo de emigrantes retornados de Alemaña sobre a pensión básica que cobran dende o país xermano. O secretario provincial de emigración e inmigración, Luís Gulín, analiza polo miúdo todos os pasos a seguir polos retornados de Alemaña e subliña que a pensión básica ten por obxectivo “mellorar a situación das persoas con pensións baixas e garantir que teñan dereito a unha seguridade básica na vellez, principalmente mulleres que traballaron a tempo parcial e en empregos moi mal renumerados”.

Desde o 1 de xullo algúns emigrantes retornados de Alemaña poderán recibir unha carta da Seguridade Social alemá (Deutsche Rentenversicherung) comunicándolles que teñen dereito á chamada Grundrente, a pensión básica alemá. Esta nova prestación entrou en vigor o 1 de xaneiro de 2021 á cal tamén teñen dereito as persoas residentes en España que perciban unha prestación de xubilación alemá. Pode alcanzar un complemento máximo de 400 euros ao mes a maiores da pensión de xubilación, aínda que por parte dos sindicatos estímase que a media non excederá os 70 euros mensuais.

O colectivo de emigrantes retornados de Alemaña tamén se beneficiará desta nova medida, dado que os pagos tamén se efectuarán fóra do país xermano a condición de que as persoas cumpran os seguintes requisitos:

a)   Ser perceptor dunha pensión do estado alemán (xubilación, viuvez, orfandade, incapacidade ou invalidez).

b)   Ter mínimo 33 anos cotizados na seguridade social alemá (incluídos anos en tarefas non remuneradas como o coidado de fillos ou a atención a dependentes). Se non se alcanza este mínimo de cotización en Alemaña terase en conta o tempo cotizado en España. Esta información solicitaraa Deutsche Rentenversicherung de oficio á Seguridade Social española.

“Os futuros beneficiados non teñen que facer ningún trámite”, afirma Luís Gulín, que subliña que a propia Seguridade Social xermana “porase en contacto coas persoas seleccionadas que terán que enviar unha copia da declaración da renda para calcular o nivel de ingresos”.

“Inicialmente para os que realizan en España a declaración da renda de forma individual o límite de ingresos para optar a esta nova prestación está establecido en 1250 euros ao mes, os que fagan declaración conxunta 1950 euros”, afirma o secretario provincial de emigración. Ter unha pensión española a maiores non é motivo excluínte, terase en conta na valoración como os intereses bancarios que na actualidade son cero por cento. As propiedades urbanas e rústicas non entrarán no cálculo da pensión básica.

Con todo, os emigrantes retornados deben estar preparados para o feito de que só recibirán esta comunicación de ter dereito á Grundrente o máis temperán no primeiro trimestre do ano 2022. “A razón do atraso reside principalmente na alta carga administrativa que leva a comprobación de ingresos”, apunta Gulín. A Seguridade Social alemá asume que os novos pensionistas, os que se xubilaron nos últimos 12 meses, recibirán inicialmente a pensión básica xa a partir do 1 de xullo 2021, e por suposto, con efectos retroactivos desde xaneiro. “Para as persoas que xa levan máis anos xubiladas o pago pódese atrasar aos primeiros meses de 2022, pero con dereito a cobrar os atrasos desde o 1 de xaneiro de 2021″, explica Luís Gulín”.

“Por tanto, se a unha emigrante galega retornada recoñécenlle en abril de 2022, 70 euros ao mes, cobraraos en maio dese ano coas cantidades devengadas desde o 1 de xaneiro de 2021 por valor de 1120 euros. Agora se, haberá que axustar máis adiante contas con Facenda, diso si que non se librarán”, finaliza o secretario provincial de emigración do PSdeG-PSOE de Ourense.