Gómez Reino: “Feijóo está a poñer en perigo a existencia do Parque Natural Serra do Xurés”

  • A formación visitou Lobios coa Mancomunidade de Montes e con membros do círculo local 
  • Gómez Reino sinalou no Congreso a falta de políticas medioambientais do Goberno de Feijóo e as graves consecuencias que sufre Galicia cada ano ante o desleixo da Xunta

O deputado por Galicia en Común, Antón Gómez Reino, criticou nunha rolda de prensa no Congreso a falta de compromiso de Alberto Núñez Feijóo e da Xunta de Galicia á hora de abordar a política forestal da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés. 

Gómez Reino e a voceira de Podemos Galicia, Verónica Hermida, mantiveron unha xuntanza con integrantes da Mancomunidade de Montes para escoitar as súas demandas e achegas para a redacción do Novo Plan Rector de Uso e Xestión (PRUX), xa que o Goberno de Feijóo leva anos excluíndoas das decisións. A aprobación dun plan de incendios axeitado, así como un plan de recuperación das áreas ardidas ou unha axeitada coordinación entre distintas administracións son algúns dos mecanismos que a Mancomunidade propón á Xunta para a protección destes espazos.

AVANTAR ACTIVIDADES

O desinterese do Goberno do PP reflíctese nas diferenzas entre a zona portuguesa e a galega, xa que a situación do Gerês evidencia a existencia dun proxecto sobre o parque baseado na protección e no desenvolvemento dos recursos e potencialidades do mesmo, fronte á improvisación dunha Xunta de Galicia que carece dun proxecto de futuro para o parque. 

“Feijóo está a poñer en perigo a existencia do Parque Natural Serra do Xurés”, denuncia Gómez Reino posto que o propio maltrato á serra, fai que perda os seus valores medioambientais e, polo tanto, pon en risco o seu carácter de Parque Natural, algo que o deputado denomina como “círculo vicioso da destrución medioambiental”.

A formación, en liña co expresado dende a Mancomunidade, sinalou a importancia de promover a vida no rural e potenciar os usos do Parque, por exemplo, a través da potencialización da gandaría como técnica tamén de prevención: contemplando axudas para a realización de pastizais para o gando extensivo, para a incorporación de xuventude como doutros comuneiros con liñas de financiación axeitadas ou mesmo un protocolo común con Portugal para o mantemento do saneamento gandeiro.

Podedes escoitar audio aquí e ver o vídeo da visita aquí

Podedes descargar aquí o documento de alegacións para o PRUX da Mancomunidade