a Xunta leva a Ribadavia un percorrido polas denominacións de orixe e indicacións xeográficas do viño de Galicia a través da mirada de Xurxo Lobato

  • O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe esta mostra que forma parte da programación cultural do Museo do Viño de Galicia
  • As máis de cen imaxes do fotógrafo coruñés estarán expostas na Alameda de Ribadavia ata o vindeiro mes de setembro
  • “Xurxo Lobato crea co seu traballo unha ventá desde a que observar e entender o legado cultural de Galicia”, salientou Anxo M. Lorenzo

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe na Alameda de Ribadavia a exposición O Viño en Galicia coa que o fotógrafo coruñés Xurxo Lobato ofrece un percorrido por todas as denominacións de orixe e indicacións xeográficas da Comunidade. Trátase dunha mostra de rúa que forma parte da programación cultural do Museo do Viño de Galicia e que se poderá contemplar na Alameda do concello ourensán ata o vindeiro mes de setembro.

No acto de presentación, o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade referiuse ás imaxes de Xurxo Lobato como “unhas das principais ventás de Galicia, un marco desde o que observar e entender o noso legado cultural que neste ocasión amosan a importancia do patrimonio natural e paisaxístico ligado ao viño da nosa Comunidade”. Do mesmo xeito lembrou que o bo facer de Lobato levouno a ser o primeiro fotógrafo en ser recoñecido cos Premios da Cultura Galega, galardón que recibiu este mesmo ano. 

AVANTAR ACTIVIDADES

Anxo M. Lorenzo engadiu que, ademais desta mostra, este verán a Xunta de Galicia vai impulsar máis de 3.000 actividades por toda a xeografía galega cun investimento superior aos 9M€ ao abeiro do Plan de Reactivación da Cultura. Son actividades que se sumarán á programación especial do Xacobeo 21-22 e que favorecerán a posta en marcha de numerosos eventos que abranguen todas as artes escénicas e propostas culturais e dirixidas a todo tipo de públicos, tanto en zonas urbanas como no rural.

A exposición inaugurada na Alameda de Ribadavia está deseñada para itinerar polas cidades e vilas das denominacións de orixe así como polas dotacións culturais que estean especializadas no viño. Trátase de máis dun centenar de imaxes que abarcan desde o patrimonio natural ata as adegas e festas do viño e que están divididas nunha vintena de paneis especializados en diferentes temáticas que ofrecen a imaxe do viño en Galicia.