O Psdeg-Psoe pendura a bandeira lgtbi na fiestra da súa oficina na Deputación de Ourense ante a vergoñenta inacción de PP e DO na semana do orgullo

Os socialistas manifestan o seu “escándalo e indignación” ante o “retroceso” en defensa da igualdade e da diversidade, que Baltar e Jácome están a executar “sen vergoña” na terceira cidade de Galicia

“A inacción, inmobilidade, pasividade, preguiza, indolencia e desprezo de PP e DO, aniquilando os actos e xestos en defensa da igualdade, é unha indecencia impropia de demócratas”, denuncian

AVANTAR ACTIVIDADES

O PSdeG-PSOE vén de pendurar a bandeira LGTBI nunha fiestra da súa oficina na Deputación de Ourense, ante a “absulta inacción” de PP e Democracia Ourensana na semana do Orgullo. Os e as socialistas manifestan o seu “escándalo e indignación” ante o “retroceso” en defensa da igualdade e da diversidade, que Manuel Baltar e Gonzalo Pérez Jácome están a executar “sen vergoña” na terceira cidade de Galicia. “Están a pisotear a loita pola igualdade e os dereitos humanos”, advirten.

“A inacción, inmobilidade, pasividade, preguiza, indolencia e desprezo de PP e Democracia Ourensana, aniquilando todos os actos e xestos en defensa da igualdade, é unha indecencia impropia de demócratas”, denuncian desde o PSdeG-PSOE, antes de recordar que “nin Baltar nin Jácome van silenciar a semana do Orgullo en Ourense”, porque “os e as ourensáns si son tolerantes e están realmente comprometidos coa igualdade de todas as persoas”.

Os socialistas xa denunciaron hai uns días que a ausencia total de programación de iniciativa institucional para a celebración do Día do Orgullo na capital —unha vez máis é a única excepción entre as sete cidades galegas— e unha mostra clara do “ignominioso desprezo” do alcalde conservador e a súa “incapacidade absoluta” para darlle a esta importante efeméride o respaldo institucional que corresponde.