A Xunta destina 356.000 euros do fondo de cooperación á rehabilitación de seis vivendas da rúa terra do Souto de Rubiá

  • Gabriel Alén invita aos concellos da provincia a presentar os seus proxectos á convocatoria de 2021 e lembra que dispoñen ata o 1 de outubro para levar a cabo as súas solicitudes
  • Desde a posta en marcha do programa concedéronse 36 axudas por un importe de máis de 7 millóns de euros

A Xunta de Galicia destinou nos últimos anos un total de 356.000 euros do Fondo de Cooperación á rehabilitación de seis vivendas da rúa Terra do Souto de Rubiá.

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, acompañado do alcalde de Rubiá, Elías Rodríguez, visitou esta mañá as obras de rehabilitación destas antigas vivendas dos mestres, cuxa recuperación está a ser financiada a través do Fondo de Cooperación, unha liña da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para o apoio ao financiamento de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes.

AVANTAR ACTIVIDADES

Así, estas vivendas recibiron fondos nas convocatorias de 2017, 2018 e 2019, ata un total de 356.000 euros. Deste xeito, o Concello de Rubiá accedeu a varios préstamos sen xuros que xa está a devolver e seguirá a facelo durante os vindeiros anos. De feito, no 2020 acadou tamén, a través da mesma liña, unha subvención de preto de 50.000 euros para un proxecto de mellora do sistema de tratamento de auga potable.

O delegado territorial lembrou que o programa foi creado en 2017 polo Instituto Galego de Vivenda e Solo e que na actual convocatoria –a de 2021- reserva case 4,5 millóns de euros. Os concellos interesados en participar no mesmo dispoñen ata o 1 de outubro para presentar as súas solicitudes.

Gabriel Alén, invitou aos concellos da provincia a presentar os seus proxectos e beneficiarse deste crédito, que deberán devolver a administración galega nun prazo de oito anos sen xuros. Recordou que os incentivos serven para levar a cabo actuacións de rehabilitación, así como para adquirir inmobles para a súa posterior recuperación.

O representante do Goberno galego lembrou que este programa de rehabilitación é unha mostra do compromiso do Goberno galego coa conservación e recuperación do patrimonio construído na comunidade. Grazas ao mesmo xa se impulsaron 36 axudas por un importe de máis de 7 millóns de euros.