A Xunta e o concello de Beariz asinan o convenio de colaboración para renovar a rede de abastecemento de auga en Magros


A actuación, que suporá un investimento total de 105.000 euros, será financiada nun 80% pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e nun 20% polo Concello de Beariz

Unha vez selado o acordo, Augas de Galicia poderá licitar estas obras, que teñen un prazo de execución de catro meses

AVANTAR ACTIVIDADES

O obxectivo é dotar dunha nova rede de abastecemento os barrios de Aldea de Arriba e Aldea de Abaixo para asegurar un caudal de auga mínimo ás vivendas e ás bocas de rega

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asinou hoxe co alcalde de Beariz, Manuel Prado, o convenio de colaboración para a renovación da rede de abastecemento de auga no lugar de Magros, cun investimento de 105.000 euros.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, cofinanciará a actuación nun 80%, coa achega de 84.000 euros. O Concello de Beariz contribuirá ao financiamento do 20% restante, destinando 21.000 euros.

Unha vez selado o acordo, Augas de Galicia poderá licitar as obras, que teñen un prazo de execución de catro meses. As actuacións serán financiadas pola Unión Europea, no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión á pandemia da covid-19.

Pola súa banda, a entidade local tamén asume a realización das xestións pertinentes para posibilitar a súa execución, así como a recepción, mantemento e conservación das actuacións acometidas.

Actuacións

O convenio ten como obxectivo a execución dunha nova rede de abastecemento nos barrios de Aldea de Arriba e Aldea de Abaixo para asegurar un caudal de auga mínimo de 200 l/habitante-día ás vivendas e un caudal nas bocas de rega e incendio.

As obras incluirán a renovación da rede de abastecemento procedente do depósito de regulación, desde a súa entrada no núcleo de Magros pola Aldea de Arriba, ata que chega á Aldea de Abaixo, instalando tubaxe de 75 mm de diámetro.

En ambos os extremos colocaranse válvulas redutoras de presión. Renovarase tamén toda a rede da Aldea de Abaixo con tubaxe.

En conxunto, executarase un total de 456 metros de tubaxe, ademais de chaves de paso, bocas de rega, ventosas e desaugadoiros para o correcto funcionamento da rede. Con esta actuación darase servizo a unha poboación de 431 habitantes.

O Goberno galego mantén o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que estes poidan prestar de xeito eficaz os servizos de saneamento e abastecemento, que son de competencia local.
 



VIDEO SPOT BEARIZ en BADAL TV