O BNG lamenta a vinganza contra o doutor Castrillo e advirte que isto non vai amordazar a loita por unha sanidade pública digna e próxima

Noa Presas cualifica de escandalosa a conclusión de sanción e pedirá explicacións no Parlamento Galego no que parece unha mensaxe para amedrentar ante a contestación social que ten o deterioro da sanidade nos hospitais e centros comarcais ao longo do país.

 Ante o avance informativo do Diario do Támega, que recolle como o doutor vén de ser sancionado con dous días de suspensión de emprego e soldo o Grupo Parlamentario do BNG vén de rexistrar unha batería de iniciativas urxentes para demandar explicacións á Xunta de Galiza.

AVANTAR ACTIVIDADES

A deputada por Ourense, Noa Presas, cualificou de escandalosa a conclusión de sanción considerando que o PP se pasou de freada ao buscar castigar a un profesional que se significou na exemplar loita de Verín non se pecha e considera que a Xunta busca “amedrentar” a todo o persoal sanitario para que cale ante posibles novos recortes e abusos.

O BNG reitera o seu apoio e solidariedade co Doutor Castrillo, agradecendo novamente a súa contribución á vitoria social e colectiva da comarca de Monterrei a prol do mantemento da sala e partos.

Hai uns meses o BNG xa valoraba que a situación era escandalosa, e o feito de que a sanción sexa dous días de suspensión evidencia que estamos diante dunha manobra de persecución que non se sostén, carece de forza e hai meses que a Xunta debera ter retirado o expediente e o Partido Popular pedido desculpas, pois claramente o que se procura é enviar unha mensaxe de ameaza aos profesionais sanitarios que responden as medidas da Xunta, hoxe é Castrillo e é Verín e maña podería ser calquera outro profesional en calquera outro lugar do noso país.

O BNG lamenta a vinganza contra o doutor Castrillo e advirte que isto non vai amordazar a loita por unha sanidade pública digna e próxima.