A oitava edición do Tren Turístico contará con cinco rutas na provincia de Ourense

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, o presidente do INORDE, Rosendo Fernández, e o director comercial e vendas de Renfe, Javier Marín, presentaron esta mañá a oitava edición dos trens turísticos, que contará con 5  rutas na provincia de Ourense, 11 no total de Galicia, e estritos protocolos ante a covid-19.

“Un exemplo perfecto dun produto turístico consolidado, de éxito, desestacionalizador e sostible -segundo o delegado territorial- porque levamos nove anos promocionando estes trens turísticos e, ano a ano, acadamos mellores índices de ocupación que ao anterior; porque é  un produto que esgota prazas rapidamente e que acada sempre un alto nivel de satisfacción.

AVANTAR ACTIVIDADES

“E ademais -continuou Gabriel  Alén- o perfil do viaxeiro é unha persoa que valora a tranquilidade, a gastronomía e as visitas culturais e representan unha proposta de turismo de calidade, slow tourism e turismo desestacionalizador”.

Para o delegado territorial, trátase dunha experiencia idónea para desfrutar dun turismo tranquilo e adaptado perfectamente ao novo modelo turístico demandado polos viaxeiros na actualidade e que ofrece a comunidade. Esta iniciativa encadra no obxectivo da Xunta de continuar a reforzar a imaxe de Galicia como destino seguro, con medidas que axuden a recuperar a confianza dos viaxeiros como o seguro coronavirus que, dotado con 1 millón de euros ofrécelles un plus de tranquilidade ao cubrir os gastos sanitarios, de aloxamento e transporte ante unha infección por covid-19 e cuarentena.

Os itinerarios con saídas na provincia, englóbanse en cinco rutas: A ruta do Viño da Ribeira Sacra (Miño), a ruta do Viño da Ribeira Sacra (Sil), a ruta dos Viños da Ribeira Sacra e de Valdeorras, a ruta dos viños do Ribeiro e Rías Baixas e a ruta do Viño Monterrei.

O delegado territorial tamén sinalou a colaboración con Renfe a través deste convenio e doutro enmarcado dentro da celebración do Xacobeo ao abeiro de que Galicia contará cun tren de alta velocidade rotulado coa imaxe deste Xacobeo 21-22, que servirá para promocionar esta celebración en diferentes itinerarios de España.

Itinerarios

Os novos itinerarios botarán a andar o próximo mes e estenderanse ata outubro con 22 saídas con máis de 1.500 prazas permitindo descubrir as paisaxes e as marabillas da comunidade. Deste xeito, poranse en marcha as Rutas dos Faros, dos Pazos e Xardíns Históricos, dos Mosteiros ou da Lamprea, así como os seis trens turísticos que percorren os territorios de cada unha das cinco denominacións de orixe vitivinícolas: Rías Baixas, Ribeira Sacra -cunha delas polo río Sil e outra polo Miño-, Valdeorras e Ribeiro.

Ademais, desde 2019 con motivo do Xacobeo incluíuse unha nova ruta polos Camiños de Santiago para descubrir o patrimonio galego, nesta ocasión a través de tramos de tres dos dez itinerarios oficiais: chega a Sarria, punto de saída do Camiño Francés en Galicia, e inclúe visitas ao mosteiro de Sobrado dos Monxes (Camiño do Norte) ou ao mosteiro de Samos, tamén do Camiño Francés, e á cidade de Lugo (Camiño Primitivo).

Tanto os peregrinos que consigan a Compostela como os turistas que cheguen á cidade de Santiago en trens de alta velocidade e longa distancia e os usuarios dalgunha destas rutas turísticas poderán adquirir un bono Galicia Rail Pass con descontos especiais durante tres días para visitar distintos destinos de Galicia.

Nesta liña, a Xunta e Renfe tamén colaboran na promoción conxunta do turismo e a participación neste Ano Santo Dobre a través dos servizos de transporte ferroviario de Renfe, que pasará a ser recoñecido como transporte oficial do Xacobeo 21-22.