“Felicitamos a todos os actores e concellos implicados, desde hai anos, no impulso desta candidatura de xustiza a través do proxecto As Letras de Florencio”, destacan
Trala decisión da RAG, reclaman que as institucións aposten e axuden sen titubeos á fundación que se encarga de difundir o legado deste poeta, investigador e intelectual valdeorrés
O PSdeG-PSOE de Valdeorras “celebra” a elección do escritor desta comarca, Florencio Delgado Gurriarán, como figura a conmemorar no Día das Letras Galegas de 2022. “Non podemos sentirnos máis orgullosos logo do acordo adoptado hoxe polo pleno da Real Academia Galega (RAG), unha decisión de xustiza que permitirá poñer en valor a obra deste poeta, investigador e intelectual que participou na vida cultural de Galicia e México, onde estivo exiliado”, destacan os socialistas.
Trala decisión da RAG, “felicitamos a todos os actores implicados, desde hai anos, no impulso desta candidatura” a través do proxecto ‘As Letras de Florencio’. “Destacamos o papel dalgúns gobernos locais de Valdeorras que asumiron a iniciativa como unha aposta de seu” aseveran antes de resaltar igualmente “a todos os restantes concellos que tamén apostaron pola proposta desde o minuto un”, a pesar de que “algúns gobernos locais apartáronse da iniciativa en 2019 e incluso acabaron poñendo paus nas rodas”.
Desde o PSdeG-PSOE resaltan tamén os acordos adoptados en diversas institucións da provincia —concellos e Deputación Provincial— que serviron para “impulsar” e “dar visibilidade” a esta petición “de xustiza” dunha “figura universal” da literatura en galego. “Trala elección cremos que estas institucións deben apostar e axudar activamente e sen titubeos á fundación que se encarga de difundir o legado de Florencio Delgado Gurriarán”, insisten.
O pasado mes de maio, o pleno da Deputación de Ourense acordou apoiar e dar difusión a esta candidatura a través de todos os medios cos que conta. “É, por tanto, o momento ideal de sumar forzas e de poñerse a traballar unidos e unidas” para que o 17 de maio de 2022 “sexa a mellor conmemoración da historia da literatura galega, co fin de que o legado deste valdeorrés reciba a difusión e o recoñecemento que merece na súa Galicia natal e tamén no estranxeiro, onde desenvolveu gran parte da súa actividade”, conclúen.