A autocita para ser vacinado da covid-19 posta en marcha pola Xunta arranca a semana que vén cos Erasmus e as persoas maiores de 50 anos

O  conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, presentou hoxe pola mañá, en rolda de prensa, no Edificio Administrativo de San Lázaro, o novo sistema de autocita por internet para a vacinación fronte á covid que a Xunta vai poñer en marcha a partir da vindeira semana. No acto o conselleiro estivo acompañado polo xerente do Sergas, José Flores Arias, a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán Parrondo, e polo subdirector xeral de Sistemas e Tecnoloxías da Información, Benigno Rosón Calvo.

Este novo sistema, que comezará a funcionar a partir da vindeira semana, é un complemento do sistema tradicional de citación via SMS, que está a utilizar dende o comezo da campaña a Xunta priorizando os grupos de idade, e que tan bos resultados reflicte, xa que Galicia é unha das comunidades autónomas que máis avanzada vai no proceso de vacinación.

AVANTAR ACTIVIDADES

Tal e como explicou o conselleiro de Sanidade, o novo sistema de autocita está destinado, de entrada, para os grupos de persoas maiores de 50 anos e para os estudantes galegos de Erasmus. Posteriormente, en función das vacinas dispoñibles, irase abrindo a outros grupos poboacionais, e, posteriormente, á poboación xeral.

Por tanto, o grupo que forma parte da denominada campaña de vacinación activa, que son o colectivo de 30 a 39 (primeiras doses) e 40 a 49 (segundas doses), seguirán a ser convocados por SMS, quedando o novo sistema de autocita para a franxa superior da campaña activa (máis de 50) e a inferior, de momento, os menores de 30 que sexan estudantes Erasmus.

Para a campaña de vacinación activa irá destinada o 95% das doses, en consonancia coa aposta da Xunta de Galicia pola vacinación por grupos de idade, e o resto das vacinas, un 5%, irá para aos grupos por riba e por baixo da mesma, que son os que poderán facer uso deste novo sistema complementario de autocita.

Segundo explicou o conselleiro, os listados de estudantes Erasmus, que ascende a un total de 2.000 mozos e mozas, xa lle foi facilitado polas tres universidades galegas á Consellería de Sanidade. O vindeiro luns, comezarán as probas, coordinadas coas universidades, e empezará a citación.

O sistema que entra agora en funcionamento para pedir autocita, ofrece 8.000 ocos no mes de xullo para que se vacinen estes dous colectivos.

Chamamento á mocidade

García Comesaña destacou o incremento significativo da incidencia da covid a 14 días nos grupos de idade de 12 a 19 anos e de 19 a 30, aínda que a situación nos hospitais segue a ser boa. Ao respecto, lanzou unha mensaxe á mocidade, logo de pedirlles desculpas por non poder vacinalos ao non dispoñer de doses suficientes, para solicitarlles un esforzo no cumprimento das medidas xa establecidas para a contención do virus ata que sexan vacinados (distancia, uso da máscara e lavado de mans). Así mesmo, lembrou que está prohibido a realización de botellóns.

Tamén recordou o conselleiro a rede de probas diagnósticas fronte á covid que a Xunta ten a disposición da cidadanía, como son o rexistro de viaxeiros, coa conseguinte proba PCR nos covid auto, ademais da proba diagnóstica que se pode realizar nos 3 aeroportos galegos e a que se solicita nas oficinas de farmacia.

Así mesmo, García Comesaña destacou que a Xunta traballa en dous novos sistemas para obter o certificado de vacinación. Un será a través das oficinas de farmacia e outro a través do correo electrónico, logo da correspondente identificación do usuario.

O responsable sanitario galego referiu que o seu departamento está tamén a traballar para que os maiores de 70 anos que non estean vacinados, poidan acudir sen cita a un punto de vacinación para que se lles vacine.

Pola súa parte, a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, informou da situación epidemiolóxica actual, na que se sigue con especial atención ás áreas de Pontevedra e a súa comarca, así como ao Concello de Ourense e o de Vilagarcía de Arousa. Ademais dos que xa tiñan niveis altos de incidencia, como Sarria ou Carnota.

Pola súa banda, o xerente do Sergas, José Flores, detallou o dispositivo que a Xunta de Galicia puxo en marcha para traer a Galicia aos mozos e mozos da nosa Comunidade que se viron afectadas polo abrocho de Baleares, que estaba formado por cinco profesionais sanitarios.

Proceso de solicitude

Tal e como explicou Benigno Rosón, a cita para a vacinación por medio deste novo sistema pódese solicitar dende un ordenador no enderezo: cita.sergas.gal, ou no portal de saúde do Sergas (E-Saúde: esaude.sergas.gal). Tamén se pode solicitar dende un teléfono a través da APP Sergas móbil.

O acceso estará habilitado para toda a cidadanía, con tarxeta sanitaria do Sergas e cidadáns sen tarxeta sanitaria, pero, de entrada, para maiores de 50 e menores de 30 (de momento só Erasmus).

O modo de identificar ao cidadán serán de dous tipos. Un con seguridade básica, é dicir co número de tarxeta sanitaria ou do Documento Nacional de Identidade ou Pasaporte; e outra manera que é con seguridade alta, con certificado dixital e Chave365.

Para a selección da data, ofreceráselle ao cidadán un calendario cos días dispoñibles para poder vacinarse. Ao seleccionar un día, indicaráselle se ten ocos dispoñibles ou non, e, tamén, o rango de horas no que se atopan estes ocos, tendo a posibilidade de seleccionar unha hora aproximada de atención. Unha vez rexistrada, o aplicativo amosa os datos co nome do cidadán, así como a data, hora e lugar da vacinación.

Esta data escollida para a vacinación por parte do usuario quedará reflectida para ser consultada nos dispositivos electrónicos, como unha cita máis das que ten pendente o cidadán.