A Xunta chama a fixarse no legado de Lorca para afondar na pegada universal da nosa lingua

Os conselleiros de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e do Medio Rural, José González, participaron na celebración da XIII Festa da Palabra

A Insua dos Poetas acolle unha nova edición desta cita que este ano rende homenaxe a Federico García Lorca coincidindo co 85 aniversario do seu pasamento

AVANTAR ACTIVIDADES

Román Rodríguez referiuse a esta celebración como unha “día clave no calendario cultural galego que reivindica os fitos máis salientables da nosa literatura”

José González celebrou que no traballo de Lorca se reflicta a importancia “do noso rural, da Galicia máis profunda”

Os conselleiros de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e do Medio Rural, José González, participaron hoxe na homenaxe que a XIII Festa da Palabra lle rendeu a Federico García Lorca coincidindo co 85 aniversario do seu pasamento. Trátase dun acto que tivo lugar na Insua dos Poetas, na localidade ourensá do Carballiño, e que serviu tamén para entregar os sete galardóns da edición deste ano.

Na súa intervención, Román Rodríguez destacou a importancia desta celebración á que se referiu como “unha cita clave no calendario cultural galego que reivindica os fitos máis salientables da nosa literatura”. “O esforzo feito por parte dos impulsores deste recoñecemento como polos galardoados na edición deste ano merece todos os eloxios por potenciar o valor de Galicia e da nosa identidade común”, afirmou.

En relación a Federico García Lorca, homenaxeado nesta edición, os representantes da Xunta de Galicia fixeron un chamamento para fixarse no seu legado para “afondar na pegada universal da nosa lingua”. “Lorca é unha icona atemporal do teatro, a poesía e incluso da música do noso país”, afirmaron antes de referirse a el como “un xenio que se namorou de Galicia desde a súa primeira visita e que quedou fascinado pola nosa identidade, cultura e lingua”.

Pola súa banda, o conselleiro do Medio Rural, José González , destacou a figura de Federico García Lorca e lembrou que coma el, son moitos os namorados desta terra, e precisamente “nel recóllese a importancia do noso rural, da Galicia máis profunda”.

Nese sentido, José González lembrou a aposta da Xunta polo noso agro, que se reflicte con accións como as recollidas na Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, “unha aposta integral, con fundamento, rigor e responsabilidade, para frear e reverter o abandono da terra”.

Así, o titular do Medio Rural resaltou a relevancia dunha homenaxe coma esta, xa que honrar a estes homes e lembrar o seu legado é tamén recoñecer a sorte de contar cunha fonte de inspiración representada a través do rural, asegurou José González.

Premiados na edición deste ano

Tanto Román Rodríguez como José González felicitaron a todos os galardoados nesta data e congratuláronse de que a Festa da Palabra se celebre na Insua dos Poetas, un lugar extraordinario “no que a literatura dialoga coas artes plásticas e coa natureza”.

Os galardóns deste ano recaeron en Yolanda Castaño, no eido da Literatura; José Manuel Vidal Souto, ao que se recoñeceu de xeito póstumo polo seu labor nas Artes Plásticas; o Orfeón do Carballiño, no campo da Música, e Maribel Outeiriño polo seu traballo en Comunicación. Ademais, tamén se recoñeceu a Marisol Novoa na categoría de Emprendemento, a Fundación Amaranta-Ourense pola Iniciativa Social que desempeña e a Diego Martínez Duro no campo de Cultura en emigración.