A tradicional Festa do Pan de Cea este ano non tivo o seu día grande, pero mantivo algún dos seus eventos adaptados. O sábado, o campo da Saleta, acolleu o XII Certame Cetibérico de Bandas de Gaitas Memorial Muiño.
Este evento contou cunha gran participación de bandas tanto de toda Galicia coma de Portugal. Para Cea é unha honra celebrar este certame, dada a súa tradición neste eido cultural.
As bandas amosáronse satisfeitas de poder volver á súa actividade e amenizar festas coma esta, xa que ata o de agora, a covid non permitiu a celebración de certames nin de festas tradicionais.
E pola tarde, a sétima edición da Ruta dos Fornos. A través de dez puntos, ubicados nos tradicionais fornos convertidos en museo, os asistentes puideron degustar produtos típicos. Ademais, a música tradicional tamén amenizou as rúas.
Recuperar estes eventos, a pesar de que non haxa festa coma se coñece tradicionalmente, é un gran esforzo para a organización, que pretende manter viva a chama da Festa do Pan.