A tarifa eléctrica

Xosé Carballido Presas

Enxeñeiro facultativo da Conselleria do Medio Rural

AVANTAR ACTIVIDADES

Máster en Viticultura e Enoloxía


Non é fácil convencer á vaca de que hai que cambiar a hora da muxidura para adaptarse aos novos tramos da tarifa eléctrica, nin é posible concentrar as dúas muxiduras diarias no tramo nocturno en que a tarifa eléctrica é menos cara (o de barato hai que descartalo). Ademais, o leite hai que arrefrialo canto antes, e os equipos de frío tiran do contador nas peores horas, día e noite.

Seguindo as recomendacións das autoridades, hai que aproveitar tamén eses horarios para poñer a lavadora e pasar o ferro. O plan “B” de deixar a muxidura para a fin de semana, hai que descartalo, por razóns obvias. En definitiva, no rural, a cabeza non para de maquinar como aforrar para ganar un peso. Nos cursos da “agraria” insisten ata a saciedade da necesidade de “baixar os custos de produción” para que o litro de leite deixe uns céntimos de ganancia. Por que o de subir o prezo de venda, tamén hai que descartalo, esta vez por razóns non tan obvias. Esta discriminación horaria tamén afecta ao comercio local, ao taller mecánico, ao restaurante ou a cafetería, que non abren precisamente nas horas “valle”.

Resulta de difícil comprensión que sendo exportadores netos de enerxía non teñamos ningunha vantaxe diferencial como sucede, por exemplo, nos países produtores de petróleo ou gas. Calquera iniciativa no camiño dunha tarifa galega propia ou a posibilidade dunha empresa pública para a xestión dun servizo básico e de primeira necesidade choca co lobby eléctrico. Aquel abrazo do presidente da Xunta co presidente de Iberdrola en 2009 quedou fixado na retina galaica, e non deixa de ser un símbolo ben significativo.

Cando menos, confiemos que a redución do IVE alixeire a carga de familias e pequenas explotacións e negocios, pero isto non será ningunha vantaxe diferencial para un país netamente produtor xa que, unha vez máis, temos a carga pero non o beneficio. Seguiremos a ver os vales asolagados polos encoros de Fenosa (ou como se chame agora) e cada vez máis muíños eólicos nos nosos montes, subestacións, torres eléctricas e quilómetros de cables polas  leiras que transportan enerxía máis alá do Padornelo.

Mentres, o gandeiro terá que vender tres ou catro litros dese leite muxido e arrefriado ás seis da mañá se quere pagar un café con leite no bar, en tanto observa pola fiestra os eólicos no comunal, xirando día e noite para satisfacción das eléctricas.

—————————————————————————————————-

Outros artigos de Xosé Carballido

Terra agraria, a lei como instrumento”

O Rural si, pero…

Recuperar o Rural

Marchou o tren

O prezo das cousas

O medio rural tras a COVID-19

O viño, de aquí, se pode ser