A Xunta financiará con 250.000 euros a revisión do Plan especial do casco histórico de Allariz para axilizar e promover a rehabilitación neste ámbito

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a alcaldesa, Cristina Cid, asinaron hoxe un convenio para redactar o novo documento

Desde o ano 2019, a Consellería leva comprometidos xa máis de 800.000 euros para actualizar os plans aprobados antes da Lei de patrimonio cultural de Galicia

AVANTAR ACTIVIDADES

Ángeles Vázquez subliña que “non pode haber escusas” á hora de protexer o patrimonio galego, polo que Administración galega e local deben seguir colaborando

A Xunta de Galicia achegará un total de 250.000 euros para redactar a revisión do Plan especial de protección do casco histórico (Pepch) de Allariz, aprobado en 1995 e cuxa finalidade é garantir a protección desta zona con medidas orientadas a lograr que permanezan activas, conten con servizos e revitalicen as vilas nas que se atopan a través da aposta pola rehabilitación.

Segundo o convenio asinado esta mañá entre a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, e a alcaldesa, Cristina Cid, o departamento galego asumirá o 100% do custo da revisión e actualización do Pepch, un paso que o concello estaba obrigado a dar en virtude da Lei de patrimonio cultural de 2016 para poder seguir exercendo as súas competencias de autorización de novas intervencións neste ámbito.

Co obxectivo de que o novo plan poida ser aprobado antes que termine 2023, Vázquez Mejuto enmarcou o compromiso adquirido hoxe pola Xunta na necesidade de garantir a “máxima protección e ordenación” dos casos históricos das vilas e cidades galegas, algo que implica tamén beneficios socio-económicos non só para a veciñanza senón tamén para o conxunto da sociedade grazas á posta en valor destes espazos.

De feito e tendo en conta os inconvenientes que suporía desde o punto de vista da xestión municipal que este tipo de instrumentos perderan a súa vixencia, cómpre lembrar que desde 2019 a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda leva comprometidos máis de 800.000 euros co fin de actualizar e adaptar ao marco normativo vixente os plans dos cascos históricos de Betanzos, Corcubión, Mondoñedo e agora tamén de Allariz.

De igual xeito, cómpre lembrar que co fin de axudar aos municipios a garantir a máxima protección así como a recuperación das súas zonas monumentais, no ano 2010 a Xunta convocou por primeira vez axudas dirixidas de forma específica á protección destes ámbitos en concellos pequenos e que aínda non contaban cun plan especial.

“Non pode haber escusas á hora de protexer o noso patrimonio, nin económicas nin técnicas”, subliñou a conselleira, que enmarcou neste obxectivo a necesaria “colaboración entre as administracións” autonómica e local á hora de promover ou revisar, en caso necesario, os plans especiais de protección das zonas históricas.

Pola súa parte, a alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, incidiu na súa comparecencia en que a firma deste convenio “supón un paso máis na posta en valor” do casco histórico do municipio e permitirá “seguir conxugando o uso residencial, o comercial e os espazos verdes e de lecer para goce da veciñanza”.

Obxectivo da Xunta: poñer en valor os cascos históricos

Así mesmo, cómpre lembrar que estes instrumentos de ordenación son acordes aos obxectivos e políticas da Xunta en materia de conservación e fomento dos cascos históricos, que se traduciron nos últimos anos no impulso dunha serie de medidas, actuacións e axudas en materia de rehabilitación e vivenda nestas zonas.

Neste sentido, cómpre lembrar a liña de subvencións existente para apoiar a compra da vivenda habitual en centros históricos —con axudas de ata 15.000€— ou os programas destinados a facilitar a rehabilitación de inmobles nestes ámbitos cando estean nunha Área de rehabilitación integral (ARI) ou nunha Área Rexurbe, por exemplo.Imaxes relacionadas