O BNG reclama o apoio da Mancomunidade á Tarifa Eléctrica Galega

  • As nacionalistas rexistran unha moción para pedir ao Estado unha rebaixa na factura naqueles territorios que, como Galiza, son produtores de enerxía e xa soportan os custes ambientais.
  • A iniciativa xa foi acordada por maioría no pleno da Merca a semana pasada, e o Bloque continuará buscando o consenso en todos os concellos da comarca.

Os tres representantes do BNG no pleno da Mancomunidade Terra de Celanova solicitarán mañá o apoio dos grupos a unha iniciativa que reclama do Goberno central a implantación dunha tarifa eléctrica galega que rebaixe os custes que soportan os consumidores mediante a aplicación de tres medidas: reducir o IVE até o 4%, bonificar aos territorios de produción de enerxía que xa soportan os custes ambientais -o caso de Galiza- e modificar a Lei 24/2013 para que o prezo da electricidade se estipule en función dos custes de xeración de cada tecnoloxía.

O BGN da Comarca Terra de Celanova e Baixa Limia subliña que esta mesma iniciativa contou co apoio maioritario no pleno da Merca, celebrado a pasada semana, e que é intención das nacionalistas conseguir o máximo consenso ao redor desta medida nos diferentes concellos.

AVANTAR ACTIVIDADES

A moción foi rexistrada por Leopoldo Rodríguez, o portavoz do BNG de Celanova, apenas unha semana despois do inicio nestas comarcas da campaña nacionalista contra a subida no prezo da luz que xa recolleu ducias de apoios na mesa informativa instalada durante o mercado semanal na vila.

NOVA ACCIÓN INFORMATIVA NO MERCADO DESTE XOVES EN CELANOVA. O BNG de Celanova ten previsto continuar a recollida de sinaturas este próximo xoves, día 8 de xullo, tamén durante a celebración do mercado, aproveitando outra acción informativa sobre o proxecto dun polígono eólico no Monte da Neve.