A Xunta adxudica por máis de 820.000 euros a mellora do firme na totalidade da estrada autonómica OU-531, desde Xinzo de Limia ata Cortegada

Os traballos comezarán no mes de agosto, co obxectivo de telos rematados neste mesmo ano

As obras realizaranse na vía ao seu paso por Xinzo de Limia, Sandiás, Vilar de Santos, Rairiz de Veiga, A Bola, Celanova, Ramirás, Gomesende e Cortegada

AVANTAR ACTIVIDADES

A intervención incluirá o estendido de mestura bituminosa en quente, a limpeza de cunetas ou a mellora dos pasos de peóns mediante marcas viarias e balizas

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou por máis de 820.000 euros a mellora do firme na totalidade da estrada OU-531, desde Xinzo de Limia ata Cortegada.

A intervención de reforzo da seguridade viaria, adxudicada á empresa Construcciones Rafer S.L., prevé o seu comezo no mes de agosto, co obxectivo de tela rematada neste mesmo ano.

Trátase de rehabilitar a capa de rodadura en toda a lonxitude da estrada, ao seu paso polos concellos de Xinzo de Limia, Sandiás, Vilar de Santos, Rairiz de Veiga, A Bola, Celanova, Ramirás, Gomesende e Cortegada.

Para rehabilitar o firme nesta vía autonómica levaranse a cabo traballos de fresado e o posterior estendido de mestura bituminosa en quente.

Tamén se realizará a limpeza de cunetas e salvacunetas, o reperfilado de noiros e a execución de cunetas de seguridade revestidas.

Ademais, repoñeranse as marcas viarias afectadas polos traballos de reparación do firme e melloraranse os pasos de peóns mediante marcas viarias e balizas retrorreflectantes.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez continúa traballando na mellora e conservación da rede viaria autonómica coa fin de proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas máis seguras, cómodas e eficientes.