Baltar defende a posta en valor da Vía Nova “para fortalecer a nosa identidade e como fonte de desenvolvemento turístico”

O presidente da Deputación de Ourense participou hoxe en Santiago nunha reunión coa Xunta, o Eixo Atlántico e concellos galegos e portugueses para colaborar no impulso do legado cultural da Gallaecia Romana

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, defendeu hoxe a posta en valor da Vía Nova “como elemento para fortalecer a nosa identidade e como fonte de desenvolvemento turístico”. Así o expresou ao remate da reunión celebrada en Santiago entre a Deputación de Ourense, a Xunta de Galicia, o Eixo Atlántico e concellos galegos e portugueses polos que discorre a Vía Nova, co obxectivo de colaborar conxuntamente para revalorizar o legado cultural da Gallaecia Romana. 

AVANTAR ACTIVIDADES

Baltar salientou que este proxecto, “que en Ourense ten un peso específico, contribúe a pór de relevo esta herdanza romana e, nese contexto, as conversas que mantiven dentro do Eixo Atlántico fructificaron con esta xuntanza, buscando a alianza do goberno autonómico, e co traballo en rede entre todos, coa clara aposta pola cultura e polo patrimonio, agardo que seremos quen de pór en marcha un movemento que podería levarnos a acadar a declaración como Itinerario Cultural da Unesco, circunstancia que coñezo pola propia Asociación europea de cidades históricas termais, que é un dos itinerarios culturais do Consello de Europa”. 

“Trátase de realzar algo moi noso, que pertence ao xacemento da nosa cultura e que servirá para revalorizar a nosa identidade, que compartimos co norte de Portugal; neste ámbito, a Deputación de Ourense apostará sempre polo desenvolvemento e recoñecemento do territorio”, expresou Manuel Baltar. 

Na reunión de traballo, celebrada na Cidade da Cultura e que tivo como anfitrión ao conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, acordouse buscar fórmulas de cooperación e liñas de traballo que desenvolvan esta planificación para reforzar o coñecemento e a difusión deste pasado compartido que se considera de interese polos axentes implicados. Sobre á Vía Nova, destacouse a importancia que ten esta ruta histórica que unía en época romana as cidades de Braga e Astorga ao longo de mais de 300 quilómetros, e todos os participantes coincidiron en reforzar os lazos de cooperación no eido cultural no marco do Eixo Atlántico, coa intención de poñer en valor dito legado. Dáse continuidade así ao traballo levado a cabo nestes anos para intensificar a cohesión económica, social e cultural a ambos lados da fronteira.