O BNG dille ao PP que se lle queda un mínimo de vergoña, debería irse para a casa

Para os nacionalistas, o PP é o único responsable de que Jácome sexa alcalde. Non lle importou voltar ao goberno a pesares de non ter recibida unha soa explicación mínimamente crible sobre a xestión económica de DO

Trala comunicación coñecida esta mesma tarde por parte do TSXG na que se indica que o xulgado número 3 de Ourense conclúe que hai indicios de malversación na xestión de fondos de Democracia Ourensana, o Grupo Municipal do BNG recorda que xa no seu día e en contra do que o propio Jácome afirmaba, a xuiza en ningún caso concluíra que non había delicto senón que era competencia do Tribunal de Contas. Xuiza que agora, ve indicios racionais de malversación e pide proseguir co procedemento.

Cómpre que o PP clarifique se segue mantendo, tal e como asegurou o seu Secretario Xeral Miguel Tellado, que “hai que devolverlle a honra a Jácome” ou se pola contra, asumen a súa responsabilidade e lle esixen, tal e como se aprobou en pleno a instancias do BNG e onde o PP tamén votou a favor, a súa dimisión. Pleno que daquela se celebrou sen existir resolución xudicial algunha.

Desde o BNG esíxen ao PP que deixe de xogar con Ourense e co seu futuro, que deixe de rirse da veciñanza, que recoñezan o seus erros e pidan disculpas por todo o dano causado ao longo destes anos co único obxectivo de manter a Jose Manuel Baltar a fronte da Deputación e co único afán de perpetuarse no poder, importándolle nada a situación da cidade e o futuro da mesma.

A situación actual é insostible, Jácome non pode permanecer nin un minuto máis á fronte da alcaldía. Desde o BNG esixen ao PP que deixe de prestarlle apoio, que se bote a un lado e permita a formación dun goberno alternativo.

O PP non pode seguir chantaxeando á cidade, acabáronselle as escusas para non asinar a moción de censura e permitir que goberne a lista máis votada.

AVANTAR ACTIVIDADES