O Premio Abrente 2021 de textos teatrais recae en “Profetas” de Ernesto Suárez

Antes da inauguración oficial, mañá día 16 de xullo, a MIT organiza a presentación do libro O tsunami, de Marcos Abalde Covelo, que recibiu o Premio Abrente na pasada edición. A edición do libro e a súa difusión é un dos aspectos, ademais da cantidade de 3.500€, que se contemplan nas bases deste relevante premio da dramaturxia galega máis innovadora e vangardista de cantos certames que se convocan no país. Dese xeito, o acto previo terá un protagonismo simbólico ao coincidir coa resolución e entrega do Premio Abrente de Textos Teatrais de 2021.

Así, no acto de hoxe xoves, día 15 de xullo, participarán os autores premiados en 2020 e 2021, ademais de representantes institucionais da Xunta de Galicia, que apoia a edición do texto na Editorial Difusora a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e do Concello de Ribadavia, quen organiza o certame a través da Mostra Internacional de Teatro.

AVANTAR ACTIVIDADES

ACTA DO XURADO 16º PREMIO ABRENTE DE TEXTOS TEATRAIS

         Reunido o Xurado do Premio Abrente de Textos Teatrais de 2021, Presidido pola Concelleira de Cultura e Tenente de Alcaldía, Dna. Paula Rodríguez Domínguez, actuando como secretario do mesmo D. Roberto Pascual Rodríguez, Director da MIT e como vogais, Dna. Patricia Vázquez, actriz, D. José Luis Baños de Cos, dramaturgo e Premio Abrente 2019 e Dna. Anna R. Figueiredo, escritora e vicepresidenta da AELG.

Deciden por unanimidade:

Recoñecer co 16º Premio Abrente de Textos Teatrais a obra titulada “Profetas” da que resulta ser autor, unha vez aberta a plica, D. Ernesto Suárez Is.

O Xurado valora a potencia escénica da obra, unha proposta épica dende a normalidade de situacións vitais, unha obra sen artificio, auténtica e eficaz.

“Profetas” presenta o encontro dunha parella que xa non o é, para facer un balance da súa relación, dos encontros e desencontros, despois de varios anos, dende a etapa de maior inmadurez ata a solidez intelectual e física.

O xurado indica que esta obra teatral ten a materia da cal está feita a vida, vemos que entre eles se acabou o amor, son conscientes, pero aos personaxes cústalles romper ese vínculo.

O texto, maxistralmente escrito, ten un ritmo narrativo perfecto, con cadencias, musicalidade e cambios adecuados. Tamén destaca a construción dos personaxes, con peso equitativo tanto para o home coma para a muller, cos cales o público empatiza en igualdade, volvéndose ademais uns xoguetes moi atractivos para calquera actor e actriz.

Tamén salientan as referencias moi pertinentes da literatura e do cinema na peza, coma Moby Dick, que se integran con naturalidade na construción dunha tipoloxía de intervención escénica próxima ao ton da conversa.

A cuestión metateatral desta obra funciona coma un xogo de agochados, de saltos e retos na recepción. As figuras escénicas están en desamor pero namoran ao público e atrapan a súa atención.