O Psoe pregunta no Parlamento pola sanción do sergas contra o médico que encabezou a mobilización contra o peche do paridoiro de verín

Á Mesa do Parlamento Juan Carlos Francisco Rivera, Julio Torrado Quintela, Marina Ortega Otero e Carmen Rodríguez Dacosta, deputados e deputadas pertencentes ao Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, ao abeiro do disposto no artigo 155.5 do Regulamento da Cámara, presentan ante esa Mesa a seguinte pregunta para a súa resposta oral urxente en Pleno. Xustificación da urxencia A urxencia vén dada pola estupefacción e alarma social que se vén de xerar na cidadanía da comarca de Verín pola Resolución ditada polo Sergas (Secretaría Xeral Técnica) no marco dun expediente disciplinario incoado a un facultativo xinecólogo do Hospital Comarcal de Verín polo que se lle impón unha sanción pola suposta comisión dunha infracción grave, sen que do actuar profesional do xinecólogo se poida deducir outra “infracción“ que a defensa da sanidade pública, dos servizos públicos e o mantemento do paridoiro de Verín. O pasado día 21 de novembro tiñamos coñecemento polos medios de comunicación de que a xerencia da EOXI de Ourense iniciaba os trámites de apertura dun expediente disciplinario contra o Dr. Francisco Javier Castrillo, xinecólogo do Hospital Comarcal de Verín, baixo o pretexto de que o día 30 de novembro de 2019 o xinecólogo en cuestión tiña contravido presuntamente unha orde da pediatra recentemente chegada de Ourense sobre o traslado dun nado ao Complexo Hospitalario de capital. Un feito absolutamente inocuo, por canto o meniño acabou sendo trasladado a Ourense sen ningún tipo de problema, con independencia de que tanto as matronas coma o doutor Castrillo entendían que non era necesario. Uns feitos que para nada se axustan ao expediente disciplinar incoado . Pois ben, rematado a incoación do expediente disciplinar tivemos coñecemento a finais de xuño que que a Secretaría Xeral Técnica do Sergas vén de impoñer o xinecólogo Castrillo unha sanción de 2 días de suspensión de funcións pola comisión dunha “infracción grave“, baseada nunha hipotética desconsideración a unha compañeira feito este que nin está probado no expediente nin atende a realidade dos feitos realmente acontecidos, conculca a presunción de inocencia da persoa sancionada nin atende o manifestado pola testemuña da matrona presente no momento no que aconteceron os feitos. Con independencia de que a sanción non é firme en vía administrativa e que de seguro será recorrida polo interesado, o razoable, o xusto e ponderado é que este expediente sexa arquivado de inmediato, impedindo que unha persoa honorable e respectada como é o Dr. Castrillo vexa manchado seu expediente profesional cunha sanción absolutamente inxusta e improcedente. Por que o realmente certo é que detrás do inicio e resolución deste expediente disciplinar se achanta, vinte meses despois, o intento de axustar contas con quen manifestou unha posición discrepante coa dirección do Sergas e nomeadamente co xerente da EOXI, Sr. Ruibal Fernández, a respecto do peche do paridoiro de Verín; peche que como é público e notorio non aconteceu gracias a presión e rexeitamento unánime de toda a Comarca de Monterrei. Unha comarca que foi quen de defender a sanidade pública, diante da sen razón empregada pola Xunta de Galicia de querer pechar un paridoiro absolutamente indispensable e necesario, tal como amosan os datos de nacementos do ano 2020. Dende o Grupo Socialista, reiteramos que máis que un expediente disciplinar o verdadeiramente merecente para o Dr. Castrillo é un monumento por parte da sociedade, pola súa profesionalidade, pola súa honestidade e polo seu compromiso coa sanidade pública. Diante desta situación, os deputados e as deputadas que asinan formulan a seguinte pregunta oral en urxente en Pleno: Considera a Consellería de Sanidade que o feito de defender a permanencia dun paridoiro nun hospital público é merecente da imposición ao Dr. Castrillo dunha sanción pola comisión dunha falta grave