O Psoe acusa a Feijóo de “mirar para outro lado” diante das graves irregularidades detectadas polo consello de contas na deputación

. O parlamentario socialista Juan Carlos Francisco reclamoulle hoxe a Feijóo que “deixe de mirar para outro lado” fronte ás graves irregularidades sinaladas polo Consello de Contas na fiscalización do exercicio de 2018 da Deputación de Ourense,  que vén de ser coñecido. Francisco presentou unha proposición non de Lei no Pleno do Parlamento para reclamar criterios obxectivos no reparto de axudas e contratos do ente provincial, que foi rexeitado polo PP.

O responsable socialista reclamou unha “reacción inmediata” por parte do goberno autonómico, que debe “velar pola boa administración dos fondos públicos dende o momento en que a institución provincial nútrese fundamentalmente de transferencias correntes”, que supoñen o 75 por cento do seu orzamento.

AVANTAR ACTIVIDADES

Criticou a actitude silente do presidente da Xunta, “permitindo pactos de goberno letais –segundo el mesmo cualificara ao alcalde de Ourense, Jácome, antes de que o PP apoiara a súa investidura- na terceira cidade de Galicia a cambio de manter unha estrutura de poder clientelar e caciquil a través da Deputación de Ourense unicamente para garantir votos electorais”. Francisco amosou unha listaxe con 250 afiliados do PP vencellados laboralmente á Deputación.

O informe do ente fiscalizador alerta de “defectos graves” que “impiden considerar as contas remitidas pola Deputación como rendidas”, e sinala que o 84 por cento das subvencións foron concedidas en contra dos principios de publicidade e transparencia. Ademais, 8 de cada 10 contratos foron outorgados a dedo, sen publicidade nin concorrencia competitiva, e o 70 por cento dos contratos menores foron adxudicados a 5 empresas, algunha delas “do fillo dun alcalde do PP”.

Juan Carlos Francisco da a luz de alarma diante dun documento que constata “millóns en créditos non orzamentados –ao modificar 30 millóns de euros de crédito no transcurso do exercicio-, facturas fora de prazo, subvencións sen control e contratos a dedo, na súa maioría para unhas poucas empresas privilexiadas”.

Todo isto, engade, “aderezado coa pervivencia dun réxime secular de contratación de persoal caracterizado polo enchufismo, onde o 71 por cento do cadro de persoal da Deputación é persoal laboral, e onde a inmensa maioría se corresponde con familiares directos de cargos do PP”.

Voto en contra do PP

O parlamentario socialista lamentou que o PP se opuxera a esta iniciativa que reclamaba establecer criterios obxectivos e de concorrencia competitiva para adxudicar subvencións públicas e contratos públicos convocados dende o ente provincial- Ademais, reclamaba o cumprimento da legalidade para facer públicos no Portal de Transparencia os contratos, subvencións e convenios asinados pola Deputación.

Tamén reclamaba que a Deputación siga o exemplo do resto dos entes provinciais de Galicia e aprobe, conxuntamente co orzamento de 2022, o Plan Único de Cooperación, no que “un terzo do seu orzamento se distribúa de xeito equitativo, obxectivo e xusto entre os concellos da provincia”.