O Psdeg-Psoe solicita a convocatoria “inmediata” da comisión da ordenanza de veladores unha vez que todos os colectivos afectados xa fixeron as súas aportacións

Os socialistas queren que se fagan públicas estas aportacións e que se informe de cales serán as que se incluirán no anteproxecto e solicitan que se dea traslado dos informes da comisión técnica de accesibilidade, dos bombeiros e da policía local de Ourense

“Debemos abordar a redacción e aprobación da nova ordenanza á maior brevidade posible para dar seguridade e regularizar esta situación en Ourense dunha vez por todas”, sinalan

AVANTAR ACTIVIDADES

O PSdeG-PSOE no Concello de Ourense vén de solicitar que de maneira “inmediata” se proceda a convocar a comisión da ordenanza de veladores, despois de tres meses se celebrarse, e unha vez que todos os colectivos afectados fixeron xa as súas aportacións. Os socialistas queren que se fagan públicas as aportacións que hai ata o momento e que se informe dunha forma “clara, concisa e transparente” de cales serán as que se inclúan no anteproxecto.

Dende o Grupo Municipal Socialista tamén solicitan que se poña en coñecemento dos grupos políticos da oposición o informe elaborado pola Comisión Técnica de Accesibilidade, así como os realizados polo corpo de bombeiros e da policía local da cidade de Ourense.

Os socialistas xa expresaron, durante a a reunión da comisión de traballo para elaborar a ordenanza reguladora da convivencia cívica e a protección da saúde derivada do consumo, venda e publicidade do alcohol, a necesidade de que esta comisión “vaia da man” da comisión de ruídos e anti-botellón para un tratamento “paralelo”, un enfoque “transversal” e construír un proxecto común con tódolos afectados e que teña un claro “consenso” político. Buscan deste xeito que o marco legal sexa “o máis amplo posible”.

“Debemos abordar a redacción e aprobación da nova ordenanza á maior brevidade posible para dar seguridade e regularizar esta situación en Ourense dunha vez por todas”, sinala a concelleira socialista, Juana Ageitos, quen tamén apunta que “estamos nun momento moi difícil para hostalería ourensá e tamén para a convivencia cidadá de Ourense, polo que hai que tratar de axilizar máis se cabe a ordenanza, chegar a consensos e aprobar un novo marco legal municipal en canto a temas como o botellón, ruídos ou veladores”.

Os socialistas coinciden na necesidade de formular unha regulación que permita a “convivencia harmónica” entre a utilización dos espazos públicos por parte de comerciantes e hostaleiros e o uso e desfrute por parte da cidadanía, “un aspecto clave no momento actual”.