“A obra máis importante da historia de Ourense” estivo “paralizada, desprezada, postergada e vilipendiada polo executivo de Rajoy, cunha Xunta silente e compracente ante aquela marxinación”
Permitirá completar a LAV entre Taboadela e Ourense mediante un novo trazado de 16,9 quilómetros que contará con viadutos singulares sobre os ríos Miño e Lonia ou un túnel baixo Montealegre
O PSdeG-PSOE celebra a licitación da liña de alta velocidade (LAV) ferroviaria entre Taboadela e a capital ourensá, coñecida como ‘variante de Ourense’, que realmente é o último tramo da LAV entre Madrid e Galicia. Igualmente salienta que o impulso e licitación desta infraestrutura clave —o investimento do Estado na cidade máis importante da historia— só foi posible grazas a un goberno socialista, logo de que o proxecto estivese “paralizado, desprezado, postergado e vilipendiado polo executivo de Rajoy, cunha Xunta silente e compracente ante aquela marxinación”.
“Os conservadores meteron este tramo nun caixón do Ministerio de Fomento en 2012 e alí quedou agochado, porque non moveron nin un so papel nin puxeron un so euro para obras, cando os trámites administrativos xa os deixou encarrilados o goberno de Zapatero”, recordan os socialistas antes de salientar que “a obra só saíu do ostracismo tras volver o PSOE a La Moncloa”.
“Non debemos esquecer que recibía a impresentable cifra de 0 euros nos orzamentos xerais do estado de 2018, os últimos do PP, fronte aos centos de millóns incluídos nas actuais contas do goberno de Sánchez”, aseveran. “O único que fixeron os populares foi recortar as características e cuestionar a súa necesidade por boca dun dos seus ministros”, recordan. “O PP, co beneplácito de Feijóo e Baltar, que non reclamaron absolutamente nada durante os anos de goberno de Rajoy, son os responsables máximos de que as obras máis importantes de historia da cidade de Ourense estiveran en barbeito, paralizadas e sen cartos”, insisten.
A obra máis importante da historia de Ourense
O último tramo da nova liña entre Madrid e Galicia obtivo a declaración de impacto ambiental no ano 2011 e permitirá completar a LAV entre Taboadela e a estación Ourense-Empalme, mediante un novo trazado de 16,9 quilómetros con dobre vía, atravesando os municipios de Tabodela e San Cibrao da Viñas, e accedendo á terminal ferroviaria tras bordear a cidade polo leste. Esta obra permitirá liberar o percorrido que actualmente atravesa o caso urbano.
O tramo integra o ramal de conexión coa liña de ancho convencional executado antes da estación de Taboadela e unha nova conexión da plataforma de alta velocidade coa liña férrea convencional á altura de Seixalvo. Igualmente, tras cruzar o río Miño, inclúe o enlace coa liña a Monforte de Lemos e Lugo. Entre as obras singulares destacan dous grandes viadutos sobre os ríos Miño e Lonia ou un túnel baixo Montealegre.