Da caverna platónica á nova Barataria

Avelino Muleiro García :

-Licenciado en Filosofía pola Universidade de Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.

AVANTAR ACTIVIDADES

Conta Cervantes como ao protagonista da súa magna obra, don Quijote de la Mancha, lle custaba demasiado entender certos textos cos que tropezaba nas lecturas dos seus autores favoritos, lecturas similares a este fragmento co que tan sorprendido quedou:

“La razón de la sinrazón que a mi razón se hace, de tal manera mi razón enflaquece, que con razón me quejo de la vuestra fermosura…”. E comenta o insuperable escritor que “con estas razones perdía el pobre caballero el juicio y desvelábase por entenderlas y desentrañarles el sentido, que no se lo sacara ni las entendiera el mesmo Aristóteles, si resucitara para solo ello” (Don Quijote; capitulo 1). Na miña opinión, aínda máis se desvelaría e perdería o xuízo aquel fidalgo cabaleiro se, afastándose daqueles comezos do século XVII nos que tentaba descifrar o sentido de tales senrazóns, puidese anticipar a ladaíña de despropósitos cos que temos que convivir os cidadáns nestes inicios da segunda década do século XXI. As actuáis senrazóns superan de sobra a aquelas coas que se atopou o cabaleiro personaxe cervantino. Estas senrazóns do século XXI resultan inconmensurablemente máis disparatadas, absurdas e contraditorias. Ademais, non son simples reflexións irrelevantes dun excéntrico personaxe literario, senón que o seu impacto afecta de forma crucial á nosa convivencia porque acontecen nun mundo real.

            O problema das senrazóns destes momentos non estriba propiamente na esencia do despropósito en si nin na súa irracionalidade intrínseca, senón nesa inmunidade social que nos anestesia e nos permite convivir con elas sen inmutarnos. Percibimos que os despropósitos, as senrazóns, as contradicións, e en definitiva todos os absurdos e disparates, están instituídos nesta sociedade, asumindo todos nós de forma estoica que hai que aceptalos. Porén, esa situación xera unha tremenda patoloxía colectiva que infecta letalmente as estruturas fundamentais da sociedade. A partir desta anomalía sistémica, nin a política, nin a pedagoxía, nin a legalidade, nin moito menos a ética, disporán de alicerces consistentes para xustificarse. Esa vaga de incoherencias acabará por nos converter en cidáns socioloxicamente enfermos. E asumir esa situación sen rebelarnos, vainos arrastrarar de maneira irremisible ao caos como sociedade e ao psiquiátrico como persoas.   

Seres racionais?   

A filosofía, como ingrediente fundamental da cultura, inoculoulle á sociedade a definición do ser humano como un ser racional, “animal racional” que diría Aristóteles, para diferencialo dos demais animais. Os humanos compartimos cos animais a estrutura somática da nosa natureza -o que en filosofía se denomina xénero-, en cambio distinguímonos deles pola racionalidade, diferenza específica, que establece a nosa configuración psíquica. A racionalidade é unha propiedade que temos en exclusiva os seres humanos, pero esta característica non implica un acto de presenza permanente no suxeito que a posúe. Non podemos prescindir do corpo se aspiramos estar vivos, en cambio énos posible prescindir da razón e seguir vivindo á marxe dela. A palabra “racional” significa que podemos razoar -actividade que non poden realizar o resto dos animais-, pero non supón que todos os nosos actos sexan racionais. Da mesma maneira dicimos que os humanos temos a propiedade da risa, aínda que non sempre estemos rindo; incluso podemos chorar, que representa a expresión dunha emoción completamente oposta.

A nova Barataria

            A sociedade compénsanos con momentos de licencia nos que se nos permite usar, e incluso abusar, dos despropósitos travesos, porque neses contextos existe un pacto implícito de informalidade e de arbitriariedade, pois ao aparcar a racionalidade por un momento non se provocan prexuízos nas relacións sociais nin se deteriora a convivencia; dánse tales senrazóns en momentos de soltura, en conversacións informais, en xogos de lecer ou pasatempos. Polo contrario, nunca se deberán utilizar tales dislates na vida normal, en asuntos discretos, responsables, formais e sensatos, porque a senrazón representa un desapego da racionalidade ao impugnar á propia natureza humana, que é portadora da palabra.   

            Esas incalculables senrazóns que actualmente nos asoballan e, de forma subrepticia, nos desacougan, tentan camuflarse entre as físgoas das institucións ou esconderse nos poderosos tobos sociais. Atreveríame a afirmar que ninguén cun mínimo de sensatez, ou en todo caso moi poucos, pode estar sinceramente feliz da sociedade tan manipulada na que lle tocou vivir. Refírome á sociedade como totalidade de seres racionais -no concepto estritamente sociolóxico da palabra, como conxunto conceptual de persoas e relacións entre elas-, non a cada persoa singular instalada no seu propio contexto. Esta é unha sociedade construída cos refugallos da modernidade ilustrada e asentada sobre terreo bulleiral. Os enxeñeiros e arquitectos que a deseñaron -Nietzsche, Heidegger, Derrida, Lyotard, Foucault, Feyerabend, Althusser, Vattimo…- son fillos da posmodernidade, que, lonxe de deseñar estradas anchas de valores firmes e autoestradas de coherencia para comunicarnos e entendernos, trazaron angostos carreiros que conducen ás portas dunha antiga caverna platónica. Esas portas, engonzadas a mediados do século XX, abríronse a esta sociedade, de par en par, a comezos dun novo milenio. Pouco a pouco, esa caverna foise enchendo de peregrinos e desafiuzados da moderninade ilustrada, que entraron neses carreiros da posmodernidade para poder instalarse e alugarse nos seus aposentos, iniciando e compartindo así proxectos de vida en común, pero onde os despropósitos proliferan e inzan as relación dos acollidos.

            A diferenza da vella caverna de Platón, nesta posmoderna concentración humana hai liberdade de movementos. Por tal motivo ese algar convértese nunha nova Barataria na que coexisten grupos humanos con perfís moi singulares. Aínda que as leis do albergue seguen sendo similares ás da caverna de Platón porque, unha vez no seu interior, aos cavernitas resúltalles moi difícil poder saír. A disciplina que permite a convivencia garántena os gardíans e sentinelas que acaudilla o GH do poder establecido. Pero no seu interior abunda a diversión e os espectáculos: os carruseis cos seus Clavileños, os parques temáticos ateigados de muíños de vento, os pallasos e os ventrílocuos, os retablos das marabillas dos maeses Pedros coas súas Melisendras e don Gaiferos… E tamén as reivindicacións. Moitas reivindicacións e protestas dentro! Un lugar ideal para poder establecer e modelar un novo paradigma social.

            A Barataria cervantina non se entendería sen implantar un goberno. E quen o asumiría? Cervantes localizou a persoa adecuada ao cargo, un individuo que sentía unha gran ambición de mandar, fose sobre quen fose: Sancho Panza: “Yo imagino que es bueno mandar, aunque sea a un hato de ganado” (El Quijote; II, XLII). Pero Cervantes non se quixo arriscar a envíalo só á ínsula sen nomearlle un xefe de gabinete que o aconsellase adecuadamente: don Quixote. E foi este conselleiro quen o asesorou cunha táctica magnífica, na que se implantaban principios xustos e politicamente útiles, como estes:  

1.- “No hagas muchas pragmáticas; y si las hicieres, procura que sean buenas, y sobre todo que se guarden y cumplan; que las pragmáticas que no se guardan, lo mismo es que si no lo fuesen; antes dan a entender que el príncipe que tuvo discreción y autoridad para hacerlas no tuvo valor para hacer que se guardasen” (El Quijote. II, XLI)

2.- “Para ganar la voluntad del pueblo…has de hacer dos cosas: una, ser bien criado con todos… y la otra, procura la abundancia de los mantenimientos; que no hay cosa que más fatigue el corazón de los pobres que el hambre y la carestía” (El Quijote. II, c. XLI)   

            Naquela Barataria cervantina, Sancho asume os compromisos asociados ao cargo no momento no que se converte en gobernador da ínsula que lle ofreceu o duque. E toma tan en serio a súa función que cando lle ofrecen subir a Clavileño responde: “¿Qué dirán mis insulanos cuando sepan que su gobernador se anda paseando por los aires?” (El Quijote; II, 41). Cervantes faino responsable de resolver os problemas dos seus insulanos. De aí que, nada máis tomar o cargo, acepta un dos primeiros compromisos que lle comunica o xefe de gabinete, o maestresala:

 “Es costumbre antigua en esta ínsula que el que viene a tomar posesión desta famosa ínsula está obligado a responder a una pregunta que se le hiciere, que sea algo intricada y dificultosa; de cuya respuesta el pueblo toma y toca el pulso del ingenio del nuevo gobernador” (El Quijote, II, 45). As preguntas complicadas acumuláronselle ao gobernador recén chegado a aquela ínsula, aínda que, no relato cervantino, a todas respondeu con acerto e cun éxito colosal. Un problema dos máis difíciles ao que se enfrontou Sancho foi o relacionado coa aplicación dunha lei imposta polo dono dun río que separaba dous territorios do mesmo señorío. Sobre o río había unha ponte. Á entrada da ponte había catro xuíces encargados de xulgar aos transeúntes de conformidade con esta lei: “Si alguno pasare por esta puente de una parte a otra, ha de jurar primero adónde y a qué va; y si jurare verdad, déjenle pasar; y si dijere mentira, muera por ello ahorcado en la horca que allí se muestra, sin remisión alguna”. Todo ía ben, porque quen dicía verdade pasaba libremente e quen mintía aforcábano. Pero chegou un subversivo viaxeiro, que ao preguntarlle os xuíces a onde ía respondeu: “vou ao outro lado da ponte a ser aforcado” (El Quijote; II, LI). Que decisión debían tomar os xuíces?- preguntan ao gobernador. Se o aforcaban, os xuíces sentenciaban en contra da lei, porque el dicía a verdade; se non o aforcaban, mintía e, polo tanto, tiña que ser aforcado. Sancho buscou unha solución ad hoc, benevolente, acorde cos consellos de don Quixote.

            Nunha carta enviada pola duquesa a Teresa Panza, esposa de Sancho, dille: “Amiga Teresa: Las buenas partes de bondad y del ingenio de vuestro marido Sancho me movieron y obligaron a pedir a mi marido el duque le diese el gobierno de una de sus ínsulas, de muchas que tiene” (El Quijote; II, 50). Probablemente nós estemos vivindo nunha desas moitas Baratarias que posuía o duque no Mediterráneo. Pero nesta Barataria do século XXI, os problemas agudízanse e as respostas ás preguntas que presentamos os cidadáns aos nosos gobernadores dificúltanse enormemente porque pedimos explicacións racionais e coherentes. Moitas das respostas que recibimos naufragan no berce do despropósito e das senrazóns porque miran ao dedo en lugar de mirar á lúa. E conste que non propoñemos embolados como o que lle presentaron a Sancho relacionado coa lei do señor do río. 

Ben pode ser exemplo paradigmático deste naufraxio de despropósitos nesta nosa Barataria o caso no que a parafernalia dun protocolo prima sobre a esencia do fin protocolario. Así sucedeu no seguinte relato que me contou a miña amiga Carmen, un caso real e verídico:

            Hai unhas semanas, nun centro hospitalario, Carmen estaba sentada esperando o turno para a consulta. Ve chegar outra muller, maior, con muletas e un paraugas na man. Esta señora chega empapada porque -como lle comenta a Carmen- o vento sopraba tan forte que, ao ter que andar apoiada nas muletas, non podía abrir o paraugas para protexerse.

Despois dalgún tempo de espera e de intrascendentais conversas entre ambas, sae a doutora do despacho para comunicarlle a Carmen que entre. Pero a médica, observando a bancada onde había outros pacientes, recoñeceu á señora que viña coas muletas. E mirándoa desafiante dille:

-“Pero, que fai vostede aquí, señora Manuela?”.

-“Veño á revisión, doutora”, contestou.

             -“A ver, onde ten vostede a cita?”, continou a facultativa.

A señora, excesivamente nerviosa, sacou do bolso un papel e, deseguido, entregoullo á súa médica.

   -“Pero non le aquí vostede que a súa cita é telefónica?”

A señora Manuela, avergoñada, baixou a cabeza; e despois duns segundos dille á facultativa:

  -“Pero como me vai ver vostede a perna por teléfono, doutora?”.

   -“Pois a cita, como pode ler, é telefónica. E esas son as normas que marca o protocolo”, retrúcalle a médica.

   -“A ver, a ver… señora Manuela; ten vostede aquí un móbil?”, interroga a doutora despois dunha presumible reflexión compasiva.

-“Teño”, contesta a paciente.

-“Pois espere…”, responde a doutora entrando no despacho.

– Aos poucos segundos, soa o móbil da señora Manuela. Quen chamaba? Era a súa doutora, que lle preguntaba que problemas tiña na súa perna!!! E toda a consulta transcorreu desa maneira. Por teléfono.  

Así cumpríase o protocolo… que parece ser o importante nestes tempos de pandemia. Ai, ai!… as razóns do protocolo!!! Non deixan de ser senrazóns coas que se intenta engalanar a ineficacia na solución dos problemas.

            É posible que Sancho se vise superado por esa senrazón protocolaria, pero algunha enxeñosa saída lle proporcionaría Cervantes para que Sancho non perdese a súa bitola de gobernador eficiente.

            Un segundo exemplo de despropósito real témolo na burocracia: confusa, inoperante, labiríntica, incompetente… A burocracia ten que ser o proceso institucional de tramitar e de resolver os problemas dos cidadáns. En todo caso, a súa función nunca debe consistir en obstaculizar, dificultar ou frear os trámites para solucionar os problemas, senón facilitar a súa solución e axudar nos trámites que utilizan os cidadáns. Pois cualifiquemos a burocracia na seguinte peripecia, tamén real, a ver se se adapta a estes criterios de eficiencia:

            Un cidadán galego, presidente dunha asociación de artes escénicas, precisaba enviar ao concello da súa cidade unha documentación reclamada polo departamento de cultura e deportes. Tal documentación debía ser enviada ao rexistro municipal a través do certificado dixital da asociación que presidía. Ese certificado, do que cría dispoñer, caducara e, en consecuencia, debía obter un novo. Para esa obtención tiña que pasar pola delegación de Facenda. E alí se presentou, pero non puido ser atendido por non levar cita previa. Así que ese mesmo día solicitouna por teléfono para o día seguinte, despois de minutos eternos de espera ao teléfono escoitando a torturadora mensaxe: “Todos nuestros agentes están ocupados. Espere un momento. Pronto le atenderemos”. Acudiu á súa cita, mais para ser atendido por un funcionario debía quitar número na máquina ubicada no andar da sección correspondente. Unha vez que xa chegou ao despacho do funcionario, este reclamoulle unha certificación actualizada da asociación e un código da “Casa de timbre y moneda”. Non levaba ningún destes requisitos porque ignoraba eses detalles. Regresou ao domicilio. Iniciou os trámites para conseguilos. Contactou coa delegación provincial da Xunta de Galicia para obter a documentación da asociación. Como houbera un cambio de vogal na súa xunta directiva de artes escénicas, tivo que cubrir tres impresos, con pago incluído, para poder recibir a certificación necesaria. A persoa que está sendo vítima deste dislate burocrático coméntame que esa documentación da xunta directiva aínda non se examinou polos funcionarios da delegación territorial. E teme que con toda esa labiríntica burocracia chegue tarde toda a documentación solicitada que debe entregar no concello.

Houbo facilidade burocrática para poder recuperar un certificado dixital? Que solución aplicaría Sancho a estes despropósitos burocráticos? Seguramente Cervantes non deixaría ao gobernador cos brazos cruzados, senón que actuaría de inmediato:

“Vamos a rondar, que es mi intención limpiar esta ínsula de todo género de inmundicia y de gente vagabunda, holgazanes y mal entretenida…” (El Quijote, II, 49).

            Unha terceira expresión da senrazón, neste caso non institucional senón xerada na propia sociedade, achámola na cidade da Coruña: a morte do mozo Samuel Luiz. Como explicar o linchamento feroz, brutal, inhumano… executado por unha caterva de malfeitores e criminais? Que razóns poden arrastrar a un fato de imbéciles a acabar coa vida dunha persoa? Razóns?, ningunha. Sen razóns?, todas.

            Sancho tomaría medidas na súa ínsua contra esta canallada miserable, administrando con criterio os valores de xustiza e dignidade humana que Cervantes lle impoñía, utilizando a don Quixote como conselleiro:

            “Al culpable que cayere debajo de tu jurisdicción considérale hombre miserable, sujeto a las condiciones de la depravada naturaleza nuestra” (El Quijote; II, XLII). Non se lle escapan ao insigne cabaleiro as terribles perversións nas que pode dexenerar a natureza humana. Pero ante tales desvaríos, aconsellaba ao seu antigo escudeiro: “Nunca te guies por la ley del encaje (de sentenzas arbitrarias)… Procura descubrir la verdad”. Noutras palabras: Fágase xustiza.

Emancipación

Non podemos poñer en dúbida a irresponsabilidade e, con moita frecuencia, o anarquismo condutual da nosa sociedade. O compromiso e o deber recaen, evidentemente, sobre cada un de nós. Por iso, que pensar da responsabilidade da nosa xuventude ante a pandemia? Como podemos catalogar a conduta de miles de estudantes que, despois dun ano de intenso e esgotador traballo académico, foron recompensados polos seus proxenitores cunha viaxe de fin de curso ás illas Baleares -coñecendo previamente a nociva situación da pandemia- para logo introducir na península unha vaga de contaxios que acumularon nas multitudinarias reunións festivas, infrinxindo as normas protocolarias sanitarias das máscaras, da separación entre persoas, etc.? Que responsabilidade recae sobre os seus proxenitores e sobre os centros que programaron esas viaxes? E que dicir de tanto negacionista sobre o coronavirus e sobre as vacinas? A que se debe tanta senrazón entre seres racionais? 

Debemos recoñecer, non obstante, que estamos orfos de referentes sociais, que co seu exemplo persoal e coas súas alocucións e mensaxes puidesen moderar esas insensateces. Con todo, cales son as respostas dos cidadáns aos alegatos en defensa da razón enarboladas por filósofos, por científicos, por neurobiólogos, por persoas ilustradas… que, de cando en vez, se atreven a levantar a voz? Como respondemos ás voces críticas das Victoria Camps, das Adela Cortina, dos Sádaba, dos Lledó, dos Morgado, dos Tobeña, dos Marina… cando nos avisan da manipulación que nos aboca como consecuencia da implementación das senrazóns que tecen as relacións institucionais e políticas na sociedade?  Como podemos recuperar nesta nosa Barataria a razón na convivencia e desterrar tanta senrazón e despropósito que nos ataca por todas partes? Probablemente nos aproximariamos a esa meta extraendo o paradigma ético dos modelos platónico e cervantino, desterrando ao mesmo tempo ese exceso de iletrados influencers, de frívolos youtuber, de vloggers caprichosos, de gamers ludópatas… e de todo ese escuadrón de perniciosos predicadores que colapsan as redes sociais. O fuxitivo da caverna de Platón decatouse dos manipuladores que movían os fíos das marionetas producindo aquelas sombras que os prisioneiros consideraban a única realidade. E por esa razón o subversivo fugado considerou un acto ético aconsellar aos seus compañeiros a liberarse de tal manipulación. Emancipadores así precisamos na nosa caverna barataria.

Está claro que vivimos nunha época que non se caracteriza precisamente por gozar de éticas de diálogo senón, polo contrario, de éticas de conflito. É urxente recuperar a esencia do diálogo lóxico, racional, axiolóxico e pragmático.

Platón non permitiu na súa República que os seus cavernitas pasasen indefinidamente estafados e atados aos despropósitos nos que transcorría a súa vida identificando as sombras coa realidade. Por iso creou un revolucionario, que fuxiu daquela caverna buscando axuda para liberar aos seus compañeiros. Cando aquel subversivo regresou á caverna, a gran maioría dos recluídos desconfiou do seu relato, negándose a acompañalo na súa evasión. Incluso intentaron matalo por consideralo exasperado e perturbado a causa da súa fuga. Pero Platón apelou á liberdade e decisión daqueles manipulados como recurso salvador da súa existencia. Deixou nas súas libres decisións o rescate.

Tampouco Cervantes consentiu que os seus baratarios vivisen nunha perpetua senrazón xurídica; por tal motivo lles enviou un gobernador, ben asesorado por un idealista, para que estabilizase co seu goberno a convivencia baixo o imperio do pragmatismo e do sentido común. Nesta nosa caverna do século XXI, as sombras non se proxectan sobre unha parede branca ao fondo, como acontecía na caverna platónica, senón sobre as pantallas polícromas da televisión, sobre as frívolas revistas do corazón e sobre as delirantes redes sociais que impactan e cativan ás súas vítimas de forma máis pracenteira e anestesiante. A nosa liberación de todas esas sombras manipuladoras só se pode lograr a través dunha pedagoxía ética, fornecida con valores humanistas, consistentes, racionais e solidarios, que sigan o modelo de Cervantes na ínsua Barataria e o paradigma platónico na caverna da súa República.

Estamos convencidos de que gobernar resulta misión difícil. E Sancho constatou que fora un desacerto seu imaxinar que “es bueno mandar, aunque sea a un hato de ganado”. Non, Sancho, non! Non resulta doado gobernar nin a “un hato de ganado” nin moito menos a un amplo grupo de persoas. Por tal motivo, Cervantes tomou a decisión de facelo dimitir. “Abrid camino, señores míos, y dejadme volver a mi antigua libertad; dejadme buscar la vida pasada para que me resucite de esta muerte presente” (El Quijote; II, XLIII).

—————————————————————————————————

Outros artigos de Avelino Muleiro

Artigo: ” A linguaxe, instalada no idiolecto e na evolución social “

Artigo: ” Viaxe polas entrañas da hermenéutica “

Artigo: “A xustiza, entre o veo da ignorancia e a Intelixencia Artificial “

Artigo: ” Malos tratos e crueldade “

Artigo: ” Movementos feministas e ideoloxía de xénero “

Artigo: ” Dereitos humanos e dereitos dos animais “

Artigo: ” Violencia patolóxica “

Artigo: ” Posmodernidade e medios de comunicación “

Artigo: ” A ilusión da eterna xuventude e da inmortalidade: pode ser reversible o envellecemento? “

Artigo: ” Filosofía Médica (II): A historia da medicina e os seus retos actuais “

Artigo: ” Filosofía Médica (I) :Relación da medicina coa filosofía e coa ciencia “

Artigo: ” De quen son os fillos? “

Artigo : ” O Poder da Intelixencia Emocional “

Artigo : ” Devalo da Galicia interior

Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( II ) “

Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( I ) “

Artigo : ” Negacionismo e represión social “

Artigo :Reclamos tóxicos

Artigo : Ditame aberto ás ideoloxías (II)

Artigo : ” Ditame aberto ás ideoloxías (I)  

Artigo : Crise de Valores

Artigo : ” A paz perpetua

Artigo : ” Científicos, expertos, médicos e filósofos

Artigo : ” Regreso ao futuro

Artigo : ” Parte de guerra

Artigo : ” Mario Bunge, embaixador do Carballiño

—————————————————————————————————–

Curriculum de Avelino Muleiro García

-Licenciado en Filosofía pola Universidad dee Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.
-Profesor do Instituto Ausias March (Barcelona) no curso académico 1968-69.
-Profesor de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela nos cursos 1970-71 e 1971-72.
-Subdirector Xeral de Bacharelato da Consellería de Educación da Xunta de Galicia (1986 e 1987).
-Fundador e presidente do partido político Nacionalistas de Galicia (NG).
-Co-fundador e actual presidente do Grupo Aletheia de Filosofía.
-Fundador e actual Director do Instituto de Estudios Carballiñeses.
-Director da revista Ágora do Orcellón.
-Presidente da asociación Álvaro das Casas.
-Vocal da asociación Amigos da Universidad de Vigo.
-Membro do consello de redacción do boletín Tres Campus (Amigos da Universidade de Vigo).
-Membro cofundador da Táboa da historia de Galicia.

Obras

Colaborador semanal de Diario16 (desde finales dos ochenta e comenzos dos noventa).
-Colaborador semanal de Atlántico Diario, durante cinco anos, co logotipo El Surco (en castellano) e Xermolo (en galego).
-Publicou traballos da súa especialidade (Nietzsche, Wittgenstein, Lóxica…) en libros e revistas filosóficas.
-Colaborador en libros e revistas culturales (Festa da palabraEncontros coa tradición. Conversas no RibeiroTres CampusVerbas aos mozos galegos, de Álvaro das Casas -en edición facsímile-, O Manifesto UCRA, de Álvaro das Casas –edición facsímile-, etc).
-Prologuista de varios libros (Nomes do Ribeiro -de Frutos Fernández-, Os nomes beiramariños –de Gerardo Sacau–, Mar adiante, as Xeiras dos Ultreias, etc).
-Coordinador do libro Homenaxe a Neira Vilas e a Balbino, o neno labrego.