O presidente da Deputación visitou co presidente da Xunta de Galicia e os alcaldes destes concellos estas novas infraestruturas, que contan co apoio da institución provincial
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou hoxe, xunto ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo; os alcaldes da Gudiña e Cualedro, José María Lago e Luciano Rivero, e outras autoridades, na visita a dúas novas infraestruturas coas que conta a provincia de Ourense: o albergue de peregrinos da Gudiña, “Casa da Viúva”, e as piscinas municipais de Cualedro, “dous excelentes exemplos de cooperación entre administracións, dixo Baltar, salientando que a cooperación “é básica, multiplica os esforzos e materializa propostas serias e rigorosas como fixeron os concellos da Gudiña e Cualedro”.
En relación ao albergue de peregrinos, o presidente do goberno provincial dixo que está situado nunha contorna estratéxica da Vía da Prata, camiño que atravesa a terceira parte dos concellos da provincia de Ourense e que é un valor a potenciar, consolidado ao longo do tempo”. Na mesma liña, Núñez Feijoo dixo que o albergue da Gudiña “é un exemplo do compromiso de ofrecer aos peregrinos a mellor Galicia neste Xacobeo”, e subliñou que o edificio conta con 44 prazas, un cuarto adaptado con aseo, aparcadoiro de bicicletas, un espazo para información sobre o Camiño, e comedor, cociña e área de descanso, precisando que a Vía da Prata conta na actualidade con 13 albergues, aos que se sumarán 2 establecementos máis: o de Cea, con 43 prazas, e o de Piñor con 40.
Posteriormente, na visita ás piscinas de Cualedro, Manuel Baltar expresou que son froito “do esforzo, da racionalidade e do proxecto do seu alcalde e do grupo de goberno, o que supón unha posta polo territorio e son investimentos no rural que teñen que ver coas cuestións de lecer, coa igualdade de oportunidades e coa calidade nos servizos públicos, algo co que a Deputación de Ourense comprácese en colaborar economicamente da man do Concello de Cualedro para pór a disposición da veciñanza esta infraestrutura, longamente demandada, que fortalecerá a imaxe de Cualedro desde o punto de vista turístico”, comentou Manuel Baltar.
Neste acto, as autoridades descubriron unha placa conmemorativa en agradecemento á familia de Francisco Rivero Galina e Benita Barazal Rivero por ter doado a finca na que construíu a infraestrutura, e en lembranza de todos os emigrantes do Concello de Cualedro. A piscina conta, ademais dos vasos para adultos e nenos, cunha pista de xogos múltiples, enfermería para primeiros auxilios, vestiarios e cafetería.