Sinalan que o cambio de localización do cruceiro para dotalo de maior visibilidade forma parte das obras de rehabilitación do MUSARQ e amosa “o compromiso” do executivo de Sánchez con Ourense
Lembran que as obras do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense –pechado dende o 2002 por decisión do PP–, están a ser executadas cun orzamento de 9,2 millóns de euros
O PSdeG-PSOE de Ourense celebra a creación dun novo espazo con encanto no casco histórico da cidade tralo traslado do cruceiro de Antón Faílde á rúa Bailén, unha acción enmarcada dentro das obras de rehabilitación arquitectónica que o Goberno central está a levar a cabo no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense (MUSARQ).
Os socialistas sinalan que o cambio de localización do monumento converte esta zona nun novo lugar de encontro “de gran valor e beleza arquitectónica”, ademais de realzar a maxestuosidade da obra de Faílde, que ata agora “pasaba desapercibida para a maior parte da cidadanía” nos xardíns do Bispo Carrascosa.
“Un lugar habitual de paso vén de transformarse nun recanto especial, en pleno corazón do noso casco histórico”, aseguran dende o grupo municipal socialista, ao tempo que destacan “o compromiso” do executivo de Sánchez con Ourense.
Neste sentido, destacan “o avance imparable e definitivo” das obras de rehabilitación do MUSARQ –pechado dende o ano 2002 por decisión do Partido Popular–, que serán rematadas nos vindeiros meses, ao tempo que lembran a súa adxudicación definitiva en xuño de 2019 cun prazo de execución de dous anos e medios e un ambicioso orzamento de 9,2 millóns de euros.
“Estamos ante unha proba máis da aposta clara do Goberno do Estado pola cultura e as infraestruturas de Ourense, que cómpre sumar aos investimentos realizados nas obras do complexo cultural de San Francisco”.
De pazo a museo
O MUSARQ é “o museo máis importante da provincia de Ourense, e un dos máis senlleiros e relevantes de Galicia”, ao albergar unha escolma arqueolóxica de máis de 40,000 pezas dende o ano 1951 e tratarse dun antigo pazo episcopal, apuntan dende o grupo municipal socialista.
Neste sentido, salientan que o proxecto de rehabilitación do Ministerio de Cultura e Deporte pon en valor o edificio xa existente e aposta pola introdución da claridade na delimitación das catro áreas fundamentais do museo, sendo totalmente accesible dende as rúas Bispo Carrascosa e Bailén e incorporando un novo patio e novas salas de exposición.
“En xeral, poténcianse os valores arquitectónicos e arqueolóxicos do edificio existente a través da recuperación de espazos orixinais que se perderon ao longo da historia, de tal forma que sexa posible contemplar a xénese da edificación ao deixar visibles muros, ocos e portas que constituían o Pazo orixinalmente”, conclúen.