A Xunta inicia as obras de reforzo da seguridade viaria nun treito da vía da plata coincidente coa estrada autonómica na ou-113 ao seu paso por Sarreaus

O delegado territorial da Xunta visitou esta mañá as actuacións encadradas no traballo que se vén realizando desde a Xunta para reforzar a seguridade viaria, a accesibilidade e a integración paisaxística dos Camiños de Santiago

  • Gabriel Alén explicou que nesta actuación, encamiñada a favorecer a seguridade, a comodidade e a experiencia do peregrinos,  a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade inviste preto de 34.000 euros
  • Na provincia de Ourense, onde se desenvolverán 13 das actuacións previstas na Vía da Plata, realizaranse melloras en treitos coincidentes coas estradas OU-112 e OU-113, en Laza; tamén na OU-311, na Mezquita; e na OU-154, en Piñor

.- O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou esta mañá, acompañado do alcalde de Sarreaus, Gumersindo Lamas, o inicio das obras de reforzo da seguridade viaria e da accesibilidade na OU-113 no treito paralelo coa Vía da Plata, nas que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade inviste preto de 34.000 euros.

AVANTAR ACTIVIDADES

As actuacións consisten na creación dunha cuneta transitable de 1, 5 metros de ancho, no tramo da OU-113 entre os puntos quilométricos PK 34+760 a 35+200, executando previamente a retirada de capa de terra vexetal, posterior escavación, recheo e apisoando a gabia ata alcanzar a cota necesaria para executar o firme de formigón da cuneta transitable como senda do camiño. Nun tramo de 180 metros é necesario a execución de unha drenaxe con tubo de 160 mm de diámetro, debido a mananciais que existen na cuneta existente.

Gabriel Alén subliñou que esta é unha das actuacións que a Xunta vai desenvolver nos treitos das vías autonómicas coincidentes coa traza da Vía da Prata para reforzar a seguridade viaria e favorecer o tránsito dos peregrinos, que suporán un investimento autonómico conxunto próximo aos 225.000 euros.

Tamén informou o delegado que a Xunta ten previstas un total de 13 actuacións na provincia de Ourense e 1 na de Pontevedra na contorna deste Camiño de Santiago, coa fin de mellorar a seguridade viaria e a accesibilidade nos cruzamentos ou treitos da Vía da Prata coas estradas autonómicas.

En Ourense, os traballos desenvolveranse na estrada OU-112, no concello de Laza, coa execución dunha senda nun tramo duns 650 metros; na OU-113, onde se realizarán 9 actuacións no termo municipal de Laza e cunha intervención no concello da Mezquita; e na OU-154, ao seu paso por Piñor.

As intervencións consistirán, fundamentalmente, na construción de sendas para favorecer un tránsito máis cómodo e seguro dos peregrinos; na execución de muros, gabias transitables e pasarelas; na instalación de barreiras e varandas ou novos encamiñamentos; na instalación e reforzo da sinalización; ou en calquera outra actuación que sexa precisa para incrementar a seguridade nos treitos da rede autonómica de estradas coincidentes na traza coa ruta xacobea

Estas intervencións encádranse no traballo que se vén realizando desde a Xunta para reforzar a seguridade viaria, a accesibilidade e a integración paisaxística dos Camiños de Santiago, con actuacións levadas a cabo nos últimos anos en diversas vías autonómicas e que suman un investimento de 3,5 M€. A estas súmanse as intervencións que se están a ultimar de integración paisaxística dos Camiños á súa entrada na cidade de Compostela, ás que a Xunta destina 12,6 M€.

Estas melloras encamiñadas a favorecer a seguridade, a comodidade e a experiencia do peregrinos estarán listas para atender a maior afluencia de peregrinos que se espera no ano 2022, cando o Xacobeo se prevé máis intenso.