Criticas do Psdeg-Psoe de Castrelo de Miño ao goberno municipal polos problemas do arsénico na auga

O Psdeg-Psoe de Castrelo de Miño critica que o goberno municipal faga “oídos xordos” as reclamacións para a construción dunha estación de bombeo no Miño que remate “definitivamente” cos problemas do arsénico na auga

Os socialistas denuncian que a veciñanza teña que desprazarse nestes días ata o Concello para poder recoller auga, ante a subida dos índices de arsénico que impiden o consumo doméstico da mesma

AVANTAR ACTIVIDADES

A voceira do PSdeG-PSOE, Catalina González, apunta a que “non é de recibo que a solución do Concello a un problema de saúde pública sexa optar por parches en lugar de dar unha solución definitiva”

 O PSdeG-PSOE de Castrelo de Miño critica que o goberno municipal siga facendo oídos xordos as reclamacións dos socialistas para a construción dunha estación de bombeo no río Miño que permita rematar cos problemas de subministro de auga a causa do arsénico. Os socialistas denuncian que a veciñanza, en moitos casos maior de 70 anos, teña que desprazarse nestes días ata o Concello para poder recoller auga, ante a subida dos índices de arsénico que impiden o consumo doméstico da mesma.

Para o Grupo Municipal Socialista esta situación e consecuencia da “desidia” do goberno do Partido Popular en Castrelo de Miño, que en lugar de impulsar a construción dunha captación de bombeo, optaron por pedir o préstamo dun filtro a Deputación que costou 48.000 euros e que tal e como manifestan os socialistas foi un “simple parche que se demostrou non ser efectivo para baixar os niveis de arsénico, xa que volveron a descontrolarse impedindo o consumo da auga”.

Os socialistas lembran que xa en xaneiro de 2020 presentaron unha moción para que dende o Concello se instase á Xunta de Galicia á construción dunha nova estación de bombeo no río Miño, que dese solución dunha vez por todas os problemas de arsénico na auga que afectan directamente o consumo da mesma no municipio. Denuncian que a pesar de que a moción foi aprobada cos votos do PP “caeu en saco roto e ata o día de hoxe nada se fixo por impulsar un proxecto indispensable para a veciñanza e para un municipio como o de Castrelo, no que abunda o granito e en consecuencia o arsénico”.

Para a voceira do PSdeG-PSOE en Castrelo de Miño, Catalina González, apunta a que “non é de recibo que a solución do Concello a un problema de saúde pública sexa optar por parches en lugar de dar unha solución definitiva ao problema do arsénico”. Tamén subliña que a poboación, maior de 70 anos, “non pode desprazarse diariamente a por auga” e afirma que “tamén é indignantes que pagando un recibo pola auga case tan caro como en Vigo, non se lle dea solución e sigan tendo que pagalo a pesar de non poder consumir a auga”.

González insiste en que o problema do arsénico na auga “é un tema recorrente e que volverá a aparecer no futuro pola afluencia de granito na zona” e fai fincapé en que “a todas luces e vendo o que pasou agora, o filtro non é solución para o problema”. Por estes motivos insta ao Concello a que se poña en contacto coa Xunta con carácter de “urxencia” e deste xeito, “proceder a construción da estación de bombeo e captación no río Miño, que dea unha solución definitiva ao problema do arsénico, xa que na auga do río non hai arsénico”.

Para a voceira socialista está claro que o Concello “debe pedir a colaboración das administracións para levar a cabo este proxecto” e manifesta que “namentres se destina 1 millón de euros para tirar e volver a levantar o club náutico, non se aposta por solucionar un problema de saúde pública”. Catalina González “lamenta que a prioridade do Concello sexa reformar unha instalación a que lle bastaba cun lavado de cara para seguir a pleno funcionamento, mentres se esquece de un problema grave como é que a veciñanza non poida consumir auga por mor dos niveis de arsénico”.

Os problemas do arsénico da auga impiden nestes momentos que os veciños e veciñas dos lugares de as Cortiñas, a Costa, Nogueiredo, o Padreiro, o Pazo, a Ponte, o Rial, Santa María, o Toledo, Paradela e o lugar de Barral no tramo da Avenida do Concello poidan facer uso da auga para o seu consumo doméstico.


VIDEO SPOT CASTRELO DE MIÑO en BADAL TV

CONCELLO DE CASTRELO DE MIÑO