O Psdeg-Psoe de Ourense denuncia o desmantelamento do Cie e o baleirado dos viveiros de empresa por parte de Jácome e esixe a recuperación urxente deste servizo

Tachan de “caprichosa e interesada” a nova medida “aniquiladora” do alcalde, que atribúen á intención do rexedor de continuar “despilfarrando” diñeiro público no Centro de Intelixencia Artificial

Os socialistas aféanlle ao alcalde que recorte servizos orientados a axudar ás persoas desempregadas e a fomentar a cultura do emprendemento nun momento no que “fan máis falta que nunca”

AVANTAR ACTIVIDADES

 O PSdeG-PSOE de Ourense anuncia que levará unha iniciativa ao vindeiro pleno municipal para esixir que o goberno local paralice o desmantelamento do Centro de Iniciativas Empresariais (CIE) e o baleirado dos viveiros de empresa, despois de que o alcalde ordenara o seu desaloxo antes do mes de agosto, unha decisión que os socialistas tachan de “caprichosa e interesada”, e que atribúen á intención do rexedor de continuar desviando fondos públicos cara ao seu Centro de Intelixencia Artificial, no que xa leva “despilfarrado” preto de 2 millóns de euros.

A propoñente da moción, a concelleira Juana Ageitos, explicou que o CIE leva 15 anos sendo a sede do servizo de formación ocupacional, xestión de fondos europeos, emprego e promoción económica, ademais de albergar un total de 9 despachos destinados a viveiros empresariais cun prezo de alugueiro vantaxoso para aqueles autónomos e emprendedores que comezan a súa andaina profesional.

Segundo consta no texto da moción, estes espazos de traballo, totalmente equipados de mobiliario, material informático e servizo de telecomunicacións, podían ata agora ser solicitados para o seu uso durante un período mínimo de 12 meses e un máximo de 36 por unha taxa reducida. Non obstante, “o pasado mes de xuño o alcalde emitiu unha providencia informando aos inquilinos que debían desaloxar os espazos antes do remate do mes de agosto”, sinalan os socialistas.

“Nós demandamos a paralización inmediata desta medida aniquiladora do alcalde e esiximos o mantemento dos viveiros de empresa, para non ver reducido ese gran espazo de coworking a unha simple dependencia burocrática sen contido, como pretende facer Jácome coa complicidade do Partido Popular, e como xa aconteceu co Centro de Coñecemento de La Molinera ou coa surpresión da aula CEMIT”, puxo de manifesto a concelleira.

Por outra banda, segundo a exposición dos socialistas, o servizo de orientación ocupacional, xestión de fondos europeos, emprego e promoción, cuxas delegacións de competencias son asumidas polo alcalde, atópase “totalmente paralizado a nivel de xestión”.

Neste sentido, Ageitos lamentou que “o persoal do CIE non pode desenvolver as súas funcións baixo a tutela do alcalde nun momento clave para a xestión e tramitación de fondos europeos nos concellos, así como para o fomento da cultura emprendedora ou das políticas activas de emprego”, ao tempo que censurou que o alcalde recorte “de xeito arbitrario” servizos orientados a axudar ás persoas desempregadas e a apoiar proxectos empresariais cando “fan máis falta que nunca”.