A loita contra o lume en Galicia refórzase este verán con 22 cámaras de vixilancia e cunha trintena de medios aéreos

Ilustración 1 Dous operarios fórmanse na extinción de lumes con mangueiras.
  • En canto a persoal humano, máis de 7.000 persoas conforman o operativo fronte ós incendios forestais galegos

O Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga) 2021 incorpora unha serie de novidades para a facer fronte á tempada de alto risco con maior eficacia.

Por unha banda, os medios aéreos dispoñibles para esta tempada de verán roldan a trintena. A renovación de medios tamén contempla a adquisición de seis novas motobombas por parte do Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais (SPIF) e doutras 19 procedentes dos concellos, así coma a renovación do parque móbil do Servizo autonómico. Esta actualización vén sendo algo habitual nos últimos anos, xa que a Xunta de Galicia xa renovou máis da metade das motobombas dispoñibles desde 2013 coa adquisición de 88 novas, 11 delas entregadas recentemente.

A tecnoloxía comeza a ser outro dos elementos esenciais para o control do lume. Deste xeito, a rede de vixilancia de montes queda consolidada gracias á colocación de 22 cámaras novas de última xeración, que suman un total de 142 no territorio galego, con especial foco nas Parroquias de Alta Actividade Incendiaria. Ademais, esta tempada, outra das grandes novidades que se implanta para mellorar a efectividade é o acceso a toda a información operativa para o persoal, en tempo real, o que supón coñecer o punto de inicio e evolución do lume, recursos, puntos de auga próximos ou datos meteorolóxicos.

PUBLICIDADE ELECTORAL
Ilustración 2. Punto de recollida de auga para a extinción de incendios.

Con estas novidades e renovacións, a Xunta de Galicia busca facer fronte ós incendios forestais e facilitar o traballo a todos aqueles que dende a primeira liña loitan para minimizar os danos das lapas. Este persoal humano, este ano, volve sumar un plantel que supera as 7.000 persoas en toda a comunidade, entre persoal da Xunta e doutras administracións.

A formación deste persoal é clave para a execución das súas funcións. A Xunta imparte este ano case 230.000 horas lectivas ós traballadores do Servizo, unha iniciativa que se estenderá ós concellos e á cidadanía nos vindeiros anos. Para o outono e inverno está previsto que se desenvolvan 31 cursos e 40 iniciativas de seguridade laboral. Ademais, como plans de futuro a curto prazo, a Xunta creará o Centro integral para a loita contra o lume en Toén, funcionando coma un Campus Forestal.

Ademais, os concellos están incluídos nesta rede de prevención e loita contra os lumes gracias ó convenio entre a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias, con 270 administracións municipais adheridas. Dentro dese convenio contémplase o cumprimento da xestión de biomasa con persoal cualificado e con tecnoloxía de drons, como métodos de prevención.

Plan de prevención

Na loita contra o lume, é moi importante o traballo previo, para garantir que a expansión e os efectos sexan o máis reducidos posible. Neste senso, a Xunta de Galicia inviste este ano arredor de 30 millóns de euros no mantemento e coidado de 58.000 hectáreas de terreo forestal e coidado dos case 4.000 puntos de auga e a construcións de 222 novos.

Ilustración 3 Os operarios encárganse dos labores de mantemento e roza dos montes galegos.

Teléfonos para alertar de lumes e da actividade incendiaria

Por último, a Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais pode ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.