O Psdeg-Psoe de Ourense presentará unha moción no pleno municipal para pedir que a ponte nova pase a chamarse ponte de Federico García Lorca

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Os socialistas sinalan que Ourense é unha das únicas cidades españolas que carece dunha rúa en honor ao poeta granadino e piden corrixir axiña o que cualifican de “débeda histórica”

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Destacan que a Ponte Nova ourensá adoece dun nome “á altura desta senlleira estrutura” e lembran que foi inaugurada no 1918, coincidindo coa publicación do primeiro poema de Lorca

O PSdeG-PSOE de Ourense presentará unha moción no pleno municipal para pedir que a Ponte Nova pase a chamarse Ponte de Federico García Lorca, en agradecemento pola deferencia que tivo o poeta granadino con Galicia, así como para pasar a formar parte do conxunto de cidades e provincias españolas que honran o legado literario do poeta a través da nomenclatura urbana. Neste sentido, os socialistas explican que Ourense é, xunto con Ceuta, “a única cidade española cuxo mapa urbano carece de enclaves en honor ao ilustre poeta granadino”.

“Trátase dun agravio histórico que debemos corrixir axiña”, defendeu a propoñente da iniciativa, a concelleira Rosa Martínez, quen fixo fincapé en que García Lorca deixou “sobrada constancia do seu amor por Galicia” a través da súa achega lírica á nosa lingua co seu breve poemario Seis Poemas Galegos, obra pola que foi nominado polo pleno da Real Academia Galega para protagonizar o Día das Letras Galegas 2022.

Así mesmo, Martínez lembrou a especial amizade que mantivo Lorca con Blanco Amor, quen deixou dito que o poeta granadino lle confesara que “cando deixase de ser poeta profesional en castelán, sería poeta vocacional en galego”. Do mesmo xeito, a concelleira fixo mención ás viaxes do autor do Romancero Gitano a Galicia, da que quedou “prendado”, e que explican “un acontecemento tan fascinante como a conversión de García Lorca en poeta galego, xitano e andaluz”, como sinalan os socialistas na moción.

“Como cidade capital de provincia, non podemos deixar pasar a oportunidade de recoñecer o amor de Federico García Lorca por esta terra e renomear a Ponte Nova, posto que adoece dun nome á altura de tan senlleira estrutura” defendeu Martínez, quen ademais destacou a relevancia deste particular enclave –inaugurado en 1918, coincidindo coa publicación do primeiro poema do poeta na revista Renovación– posto que “a Ponte Nova está conectada cunha confluencia de rúas que levan nomes de escritores e intelectuais galegos como poden ser Vicente Risco, José Ángel Valente, Alfredo Brañas ou Rosalía de Castro, entre outras”.

Pola súa banda, o voceiro socialista no Concello de Ourense, Rafa Villarino,  puxo de relevo que “rebautizando a Ponte Nova en honor a Lorca estaremos dándolle unha denominación definitiva a esta ponte que comunica tamén co instituto no que estaba o seu gran amigo, compañeiro e editor, Eduardo Blanco Amor” ao tempo que “cumprimos coa Xeración Nós e poñemos a cultura en valor en Ourense, algo cada día máis necesario pola inacción deste Concello”.

Na exposición de motivos da iniciativa, os socialistas explican que mudando o nome “obsoleto” dunha ponte –chamada Nova para diferenciala da Ponte Romana ou Ponte Vella– “estaremos evitando os posibles problemas e molestias que un cambio de dirección puidera ocasionar para a veciñanza”, ao tempo que se emenda unha “débeda histórica”.