A Xunta recibe cinco ofertas para as obras de ampliación do hospital de Ourense

A Xunta recibe 5 ofertas para levar a cabo a ampliación do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, que suporá un investimento duns 52,6 millóns de euros.

As obras, que comezarán a finais deste ano e terán un prazo de execución de 40 meses e estarán cofinanciadas con fondos europeos Feder.

AVANTAR ACTIVIDADES

O proxecto consta de tres intervencións que repercutirán nunha área pediátrica con 38 camas, incluíndo 14 habitacións individuais; unha área de neonatoloxía, cunha UCI pediátrica; área de emerxencias pediátricas e urxencias obstétricas, con salas de espera, consultas, 5 unidades de parto e 2 quirófanos.

Estes traballos tamén permitirán acadar unha área de radioloxía completa. Ademais, as intervencións previstas permitirán a hospitalización obstétrica, con 56 camas; e a convencional, con 280 camas.

En relación ao novo edificio de hospitalización e ambulatorio terá unha imaxe coherente co edificio construído en 2017, constando de 12 plantas e dispoñéndose entre o oeste do antigo edificio Materno Infantil e o Hospital Cristal. Estas instalacións, desde o andar -2 ata o segundo, destinaranse a usos fundamentalmente ambulatorios e desde a terceira ata a novena, dirixiranse a hospitalización.

Para a construción deste edificio será necesario realizar unha serie de obras previas, así como habilitar novos núcleos de comunicación. Así, modificarase a rasante da vía interior do CHUO e demoleranse elementos obsoletos como pasarelas, escaleiras ou unha franxa de 4 metros do andar cero do Hospital Cristal na súa fachada posterior. Como reforzo aos núcleos de comunicación vertical, executarase un novo núcleo vertical no nexo de unión do antigo edificio de hospitalización e o central.

Tamén se acometerá a remodelación interna no edificio de hospitalización existente para adaptar o núcleo de escaleiras actual. Ademais, desenvolverase a comunicación de urxencias co novo edificio en andar cero. No que se refire á reforma do Hospital Materno Infantil, será unha actuación integral que permitirá a súa posta en valor, conservándose tan só a súa estrutura.

No soto -2 do novo edificio situaranse os vestiarios; no -1, a área de radioloxía; e no andar baixo situaranse as urxencias pediátricas e obstétricas no edificio materno, mentres que se sitúa un segundo nivel de radioloxía no novo edificio. No primeiro andar estarán as área de obstetricia, xinecoloxía, tanto cirúrxica como ambulatoria, e o paridoiro; no segundo, a UCI pediátrica no materno, e as consultas de pediatría no novo edificio.

O nivel 3 destinarase totalmente a hospitalización pediátrica, separando os nenos menores de dous anos no antigo materno e os maiores no novo edificio. O nivel 4 estará dirixido á hospitalización obstétrica nas dúas ás, e os niveis do 5 ao 9 á hospitalización convencional. O nivel 10 empregarase para diversas instalacións.