Cando a orixinalidade radica nas orixes: arredor da feira do Carballiño

Por Felipe-Senén

É ben certo aquelo no que teimaba Murguía e no que despois debullou cavilares Vicente Risco: en que a orixinalidade radica nas orixes.  Fundamento no que logo ramifican creacións, influencias, mesmo tamén a degradación, a aculturación, para deixar pegadas ou cicatrices na cultura. Sáibao quen se di conservador: nada é  estático, nin a tradición, que significa o que transita. E para demostralo velaí as ciencias humanas, Arqueoloxía, a Antropoloxía, a Historia da cultura, a Filosofía , as que buscan no fondo o pouso. Asuntos inacabado que, en cada tempo, definen a madurez cultural dunha sociedade.

AVANTAR ACTIVIDADES
Campo da feira do Carballiño 1930 (Postal)

O devandito ven a conto das orixes da vila do Carballiño, as que ben sabido é que radican no feito de ser encrucillada de camiños, dende a montaña aos ribeiros ou cara á beiramar. Así pois punto de encontro, de oferta e de demanda entre as xentes dos camiños, a sabía o sangue da vida.  Parada e fonda, vila de mesóns, onde se aprendeu a  recibir, a agasallar e a despedir. E os que máis os  que “arrean”, aguilloan  e tanxen ás bestas de transporte, os arrieiros, os maragatos, os xitanos… mesmo os frades misioneiros que andan a velas vir. Xa o di o cantar: “Hoxe nesta feira, mañá noutra feira e así vai indo a vida pasaxeira”. Non faltan antares de camiño, os que acompañaban o rítmico son do trepar dos facos e o renxer das rodas dos carromatos, entre o tintinexar dos axóuxeres e o ronco son  nasal da voz “céltica”, como a de Santalices, gran amigo do Carballiño, ou a de Dylan… e de cando en vez botar un aturuxo ao ceo, pra espertar da tentación do sono e fender coa monotonía.

Sempre queda por contar de cada sitio, de cada casa, de cada persoa e aínda dunha vila nova como o Carballiño, a que pouco máis ten de dous séculos, a facerse e desfacerse. E ao respecto das orixes, da da feira son moi de agradecer as necesarias e acaídas pescudas de Xoán Xosé Docampo Nóvoa,  quen ben aproveito o seu tempo como arquiveiro municipal, dando conta e estruturando a existencia de documentos, contrastando as noticias coas atopadas no Arquivo Histórico Provincial de Ourense. Pescudas  que reafirman o predominio do mosteiro cisterciense de Santa María a Real de Oseira ata a Desamortización, o 1836, seguido do seu vagoroso decaer e espolio, conducindo a aquel dramático feito do 22 de abril do 1909 cando os veciños se opoñen á orde do bispado de retira o baldaquino, obra de Domingo de Andrade: entre a algarabía a Garda Civil dispara, co resultado de sete morto, entre eles unha nena e unha muller encinta. Contan que a herba non medra onde aconteceu aquela matanza.

Feira dos vimbios Carballiño 1965 (Foto Felipe L. López)

Docampo Nóvoa é autor de “ A Real carta executoria, a Real Célula de Privilexio e as orixes da feira e da vila do Carballiño” (1994) , estudo de documentos que merecería nova edición. Traballo que o mesmo autor fotocopiou e espallo entre quen lle podía servir.  Páxinas estruturadas en capítulos referentes aos primeiros datos históricos: antes da feira/ para pararse no nacemento da mesma (1661-1728) así como na  Real Carta Executoria (1728)/ a Real Célula de Previlexio (1728)/ a Feira e a Vila do Carballiño dende 1728 a 1847)/ sobre nas fontes bibliográficas , como os estudos de Ruben García Álvarez, os de Emilio Duro Peña ou máis na actualidade os de Pardo de Guevara ou Anselmo López Carrera. Documentos nos que atopamos ás rivalidades entre os Condes de Ribadavia, a Encomenda de Beade e o Mosteiro Cisterciense de Oseira.

Nesas máis fondas raiceiras está a organización da Galiza castrexa, co cambio de era fondamente romanizada, estruturada entón a partires de grupos familiares, algo mellorado coa racionalidade organizativa territorial sueva, en parroquia. Naceron entón xerarquías,  ducados, condados, merindades, vencellados a casas ou nobres como os Temes de Madarnás, Quiroga en Banga, Arias en Cabanelas, Ulloa, Zuñiga en Boborás…. Munín en Ventosa, Sarmiento en  Sagra… Xurisdición co seu Corrixidor como delegado da Real Audiencia, alcaldes, xuíz, meiriño… consolidando o poder da nobreza, o feudalismo…  Co século XIX espallase o nome do Carballiño como pertencente ao Coto de Partovia. Ansias de dominio e poder territorial asócianse a relixión. As Dioceses tamén coas súas terras, bisbarras, vilas, cidades, coas súas delegacións parroquiais en  igrexarios e torres.

Dende o século XII é moi usado na documentación monástica do Reino de Galiza a denominación “terra”.  O que, ao cabo do tempo, sería coñecido como o lugar co Carballiño, no medievo estaba chantado nas entón coñecidas como Terra de Castela, separada da de Orcellón  (Orzillón nos documentos dos devanceiros) polo río Arenteiro. Mesmo quizais o apelido “Castelao” responda a orixinario deste antigo territorio no que se erguían varias torres ou castelos: Roucos, Ribadavia, Mota, Novoa, Pena Corneira, Orcellón, Cavadoso, Boubou, Cabanelas, Formigueiros… Terra de Castela, posiblemente con esa orixe altomedieval arredor de alguén de poder e prestixio político e relixioso e da súa casta (princeps). Territorio documentado dende os anos da suposta aparición do Apóstolo (813), tempos de Alfonso II, monarca que os doa a Oviedo e que igualmente se menciona en textos islámicos. Demarcación da que no 1173 emancipase Orcellón,  esta con importante castelo na Teixeira de Boborás e mesmo no Castro Cavadoso,  xunto co de Pena Corneira, a torre do Bolo de Senda e no 1250 o de Avión… Será a partires dos Reis Católicos cando esta división territorial en condados e merindades organizaranse de novo como señoríos xuridiscionais ate a Desamortización.

feira das galiñas, Carballiño 1965 (Foto Felipe L. López)

Dende o 1137. época do Rei Alfonso VII,  monarca vencellado pola banda paterna coa Borgoña e conseguintemente coa misión de San Bernardo. Será entón o Mosteiro de Oseira quen recibirá importantes doazóns e privilexios visibles nas cartas de coto, concesión de poderes fiscais e xudiciais que neste caso chegaban ata o porto de Marín, ata Cedeira, Lemos, o Xures, Toro de Zamora, con rede de granxas que actuaban como sucursais autonómicas dependentes da casa matriz. Nesa misión de artillar un imperio en base ao “ora et laborat” planificase algo que xa se viña facendo sen control administrativo: o traballo, os cultivos, o viño, os soutos, o cultivo do liño e da oliveira, o arborado tan necesario pra construción e o transporte, a arquitectura do pan e do viño: muíños, fornos, adegas…….a gandaría, os curros pras bestas bravas, as aves de curral, a importancia do esterco… fomentando as romarías e o mercado arredor de santuarios, as feiras… Feira, festa e romaría como cultura, que comportan atraccións, musica, titiriteiro que fomentan as relacións, a gastronomía e a creatividade artística, literaria… Así regularizase e axilizase o comercio, o que comporta recadación de rendas e foros, propiciándose ademais esmolas, doazóns en herdo… Poder que se denota nas construcións monacais e mesmo nos igrexarios.

As parroquias de Santa María de Arcos e Santiago de Partovia eran dúas granxas parroquiais dependentes do Mosteiro de Oseira, como tamén o era Señorín, velaí o escudo do mosteiro campando na fachada da súa igrexa (cemiterio). Como tamén estaban baixo esta dependencia as granxas e Banga Cabanelas, Covelo, o Varón, Sagra, Penedo, Lebuzás, Framia, Casansedo ou Lobás.  Enclaves entre os que se circunscribe o campo no que ten lugar a feira que logo recibiría o nome do Carballiño.

Medievo no que se promove a adaptación de vellos camiños reais, a apertura de nova rutas, reparando vellos ou construíndo novos pontes. En tempos de Felipe II repóboanse estas terras de mouriscos. Parroquias con vida activa e participe nas feiras: Arcos, St, María e San Xoán, Banga (con Cabanelas, a de máis poboación no século XVI, con 70 fegreses), Bouteiro, Lobás (mosteiro e aldea) Longoseiro, Madarnás, Mesego, Partovia ( esta das que máis, con 21 veciños no 1571), Piteira, Sagra, Señorín, Varón e Veiga. No 1751, Lobás tiña 248 veciños, Sagra 116, Banga con 103 habitantes…

Feira Carballiño, afiador, 1965 ( Foto F. Luis López)

Anterior á fiscalización de Oseira, o lugar do Carballiño xa era de encontro pra transaccións

A primeira referencia atopada sobre as feiras do Carballiño é do 1661 (Arquivo Provincial de Ourense). Tamén no abadoloxio de Frei Tomás de Peralta titulado  “ Antiguedad, Fundación y progresos del Imperial l Monasterio de Nuestra Señora de Oseira, de la Orden del Cister” (1677), impreso en papel,  nomease ao Carballiño en relación coa feira que se traspasa de Cea a este novo enclave vinculado a Señorín e Partovia. Exemplar da primeira edición coa que dende Amigos dos Museo de Galicia premiamos no 2019 ao Centro de Estudos Chamoso Lamas da Comarca do Carballiño. Traslado da feira para a  que os frades de Oseira recorren a privilexios de 1286 concedido no orixe da feira de Cea polo Rei Sancho IV de Borgoña. Pois os monxes desexan manter os dereitos adquiridos: portádego, asentos de tendas, pesos e medidas… Rivalizando Oseira cos condes de Ribadavia, señores das feiras de Dacón e Maside, importantes no século XVIII. Sabemos ademais que pola metade do século XVII o Corrixidor de Ourense, Pablo Lagunilla y Arellano, entre outras terras declara libres de contribución ao partido de Partovia e ao seu campo da feira polo seu papel nas loitas con Portugal. Donde dende tempo inmemorial sempre avía avido feria” Cabe supoñer entón que, seguindo a tradición, xa antes dos privilexios reais, se reuníanse alí, libremente, os tratantes, especialmente cabalar e de gando. Consideramos que este encontro da feira no solar do Carballiño foi deciisón dos mesmos veciños e tratantes

No 1693 o Mosteiro de Oseira acude ao Corrixidor, reclamando os dereitos desa feira trasladada de Cea ao Carballiño, entrando no litixio o Coto de Arcos que pertencía á Encomenda dos Cabaleiros da Orde de San Xoán de Xerusalén de  Beade, igual que  Astureses. Namentres que Mesego pertencía a San Martiño Pinario e Partovia da que dependía o Carballiño a Oseira…Os preitos seguen no século XVIII  e chegan á mesma Rel Audiencia, suprimindo as feiras nacidas en Arcos e Mesego…no 1726. O gran rival de Oseira é a Encomenda de Beade que  insta que Oseira tiña privilexios para a feira de Cea, pero non para a do Carballiño…Oseira sempre sairá gañando. Ambiente no que participan os franciscanos poñendo paz, acollendo esmolas e recrutando novizos pras misións

Unha Real Carta Executoria de xaneiro do 1728, aclara que os dereito de Oseira,  os conseguidos no 1286 para Cea se trasladen ao Carballiño e que Beade non celebre alí feiras, por non ter privilexio, igual que Mesego. Interesante documento o devandito, tamén coa súa historia: a fins do XIX é regalo de Xosé Maria Cibeira ao Alcalde Maximino Álvarez…logo desaparece atá que o Alcalde Javier Perea, por acordo plenario recupérao novamente, previo pago. Agardamos que hoxe siga estando no seu sitio. Existe ademais unha Real Célula de Privilexio de decembro de 1728, coa que os monxes de Oseira queren asegurar o seu poder sobre a feira , hoxe tamén no Arquivo do Concello.

Coidamos que aínda queda moito que dicir respecto ao topónimo do Carballiño, que atopamos en Portugal, na Galiza e que entendemos vai máis alá dun irrelevante carballiño, e  quizais poida ter máis que ver cun carballinneo, mesmo co sinónimo de carballeira ou como viveiro de carballos, tan necesarios entón, ou mesmo poida cun caramalliño ou  pequena camara, alpendre feito de ramallos…E sempre dixemos que o artigo é pra artellar a frase, que o nome, o topónimo é Carballiño, pra non enredar ademais as buscas alfabéticas en tempos que precisan concisión e coherencia.

Vello campo da feira do Carballiño asentado na chaira da cima da lomba e encrucillada, fundamentalmente no que hoxe é o centro da vila: Praza, Alameda, Monxas, Igrexa Vella…. Nunha banda o lugar de Carrás, Flores, a Carreira…da outra de Toscaña, cara a Arcos Framia… estes os núcleos máis vellos a carón do camiño,  inicialmente constituídos por humildes casas de cachote e madeira. Co medrar da feira a inicios do XIX a nobreza construirá as súas casonas beirando a rúa maior.

Fariña Jamardo: versos e novelas co saber, co espírito do camiño e da feira

Feira que terá lugar os días 16 de cada mes, ata 1872 en que pasará a contar con dúas, sumando agora a do derradeiro día do mes. Tendo sona tradicional como as máis importantes feiras do Carballiño a do 16 de setembro coincidindo coas festas patronais, así como a do “Derradeiro”, de San Silvestre ou de fin de ano. “. No 1804 Lucas Labrada destaca nestas terras a produción de trigo, millo e que se propiciou o cultivo do centeo, así como a gandaría cabalar e o liño, produtos que especializan a feira.

Xosé Fariña Jamardo (1919-2018) cunha ampla e meritoria traxectoria en diferentes administracións, entre elas un tempo como secretario do Concello do Carballiño, aproveitou o tempo pra entregarllo á vila co seu saber: autor de ”Carballiño, poemas ao xeito vello para unha vila nova” (1957) dunha “Guía do Carballiño” (1961) e novelas que recollen o espírito, a esencia da encrucillada , como “ A Liña” (1980) e  “A feira do Carballiño” (1981).

Queda aínda moito por saber e facer  sobre todo por conservar e mostrar e pra iso están os museos, pra fortalecer o que nos identifica, as orixes. Iso si, como lle escoitei dicir a un feirante de romana ao lombo e guillada na man   que  “a feira é a feira”.

—————————————————————————————————

Traxectoria e obras de Felipe Senén

—————————————————————————————————

Outros artigos de Felipe Senén:

Outros apuntamentos para a historia do cine no Carballiño

A Residencia do Carballiño: os promotores, o arquitecto, os residentes…

O monumento aos irmans Prieto do Carballiño e o seu escultor Larrauri

Arqueoloxía do Megalitismo nas Terras do Carballiño: as mámoas, medorras, medelas…

As pantasmas do histórico “Gran Balneario do Carballiño”

Arredor do paleolítico nas terras do Carballiño, as pescudas…

O mes de maio no Carballiño…. “aqueles días azuis e este sol da infancia”

Ramón Bernárdez González, un carballiñés na “Cova Céltica” e fundador da Academia Galega

A Igrexa Vella do Carballiño coa súa gabanciosa torre

O desaparecido chalé “Col” e a lembranza da emigración carballiñesa a Cuba

O biscoito “meimón” do Carballiño e a súa receita recollida pola Pardo Bazán

Aquelas Semanas Santas carballiñesas, de ramos, carracas, caladiños e Pascua Florida

Arqueoloxía pendente: a das grandes minas auríferas de Loureiro, no Irixo

Unha abraiante xoia da arqueoloxía: a arrecada de ouro do Irixo

Memorias da Coresma

As tradicións do Entroido do Carballiño

A Casa Consistorial do Carballiño, prototipo de inquedanzas decimonónicas

A novas revisións máis “ CASTROS” nas terras do Carballiño

O Catálogo dos Castros do Carballiño do 1930… e máis que hai

Lembranzas do Nadal de noutrora no Carballiño

Os esquecidos cantos de Nadal, Aninovo e Reis do meu Carballiño

O reloxo da Consistorial do Carballiño e o seu xenial autor

A Veracruz do Carballiño: lección de pedras, arte dos canteiros e da historia da arquitectura

Pepe Prada, un premio á creatividade, á constancia e á dignidade na cultura

A devoción aos santos Martiños, celebrados con Magostos en Galiza

Mes de santos, defuntos e magostos no Carballiño de noutronte

A Fonte de Flores, abrindo ao Carballiño

Un exemplo de destrución cultural : a Igrexa de San Paio de Loeda, Piñor de Cea

A parroquia de Loureiro, no Irixo, e o arquitecto neoclásico Loys Monteagudo

Lembranzas de pintura mural no Carballiño

Machados de “tope” da Idade do Bronce atopados no Monte de Mesego

A imaxe do San Cibrao do Carballiño e o seu escultor, Aldrey

As augas e as fontes do Carballiño

Vestixios de habitat e sepulturas da Primeira Idade dos Metais no Parque do Carballiño

Noticia sobre restos romanos no patio traseiro do Grupo Escolar do Carballiño

O pintor de Marín Manuel Torres no Carballiño

E así naceu “o Cantigueiro de Orcellón” de Manuel María e algo máis…

Manuel María, o Carballiño, as bocarribeiras e os ribeiros

A madeira nas máis antigas construcións do Carballiño

Pasado e tristeiro presente da Estación de Ferrocarril do Carballiño

O sitio arqueolóxico da Pena dos Namorados

O Castro de Cameixa referente na arqueoloxía galega

Terra, Auga, Aire e Lume no San Xoán de antes

Historias e lendas arredor do Puzo do Lago, Maside

Apuntamentos arqueolóxicos sobre as terras do Carballiño