“A democracia económica hai tempo que chegou ás outras deputacións”, pero en Ourense “seguimos instalados nunha ditadura económica dun cacicato”, denuncia o vicevoceiro, Nacho Gómez
Tralo “tallante cuestionamento” do Consello de Contas, os socialistas queren trasladar os orzamentos aos alcaldes e alcaldesas para “rematar co reparto caciquil entre amigos e amigas do presidente”
O PSdeG-PSOE reclama que Manuel Baltar “poña en práctica a transparencia que tanto predica” e por iso vén de solicitar ao goberno provincial unha copia do borrador dos orzamentos da Deputación de Ourense e dos seus organismos autónomos para o exercicio 2022, actualmente en fase de elaboración. “Queremos dar traslado do documento aos alcaldes e alcaldesas, debido á gran relevancia que teñen os proxectos e fondos contemplados nestas contas para todos os municipios da provincia”, destacan evitando un “novo reparto decimonónico e ditatorial dos cartos públicos de todos e todas “.
O vicevoceiro do grupo socialista, Nacho Gómez, destaca que, logo do “carrusel de labazadas que o Consello de Contas lle adicou á irregular xestión económica do PP na Deputación”, é máis necesario que nunca “insuflar transparencia real á xestión económica, fronte á ciencia ficción que Baltar merca con cartos”. Por iso considera “indispensable facer partícipes desta xestión aos municipios e aos grupos da oposición”. “É norma nesta casa que os orzamentos unicamente beneficien aos amigos e amigas do presidente, polo que imos poñerlle freo a ese disparate”, insiste.
Gómez advirte que, unha vez máis, están a ser elaboradas unhas contas “absolutamente discrecionais que só servirán para repartir subvencións nominativas a dedo”, fronte á “necesidade imperante”, defendida desde hai anos polos socialistas, de aprobar un “plan único permanente”, que permita distribuír estes fondos públicos equitativamente. “Ten que haber un sistema obxectivo que respecte as diferencias e particularidades entre concellos, asignando os cartos segundo as súas necesidades e non segundo caprichos persoais”, denuncia o deputado.
O vicevoceiro salienta que “a nosa petición non é ningún capricho”, xa que “podemos comprobar como a democracia económica hai tempo que chegou ás outras deputacións”, pero na provincia de Ourense “seguimos instalados na ditadura económica dun cacicato do PP”. O PSdeG-PSOE seguirá demandando que cambie o modelo orzamentario da Deputación de Ourense e que a maior parte deses cartos estean a dispor dos concellos dun xeito equitativo, xa que “é tempo de que a institución provincial entre no século XXI e auxilie a unhas entidades locais cada vez máis afogadas por competencias impropias, que non fan máis que aumentar ao tempo que o financiamento diminúe”.
“Baltar e a pequena parte do PP que aínda lle aplaude os seus teatros e delirios, deben baixar á realidade desde a nube na que levan instalados lustros” para “negociar aberta e transparentemente unhas contas realmente democráticas” que “poñan fin o uso dos cartos públicos de todos e todas como ferramenta política, tal e como definiu Contas”, conclúen os socialistas.