A Xunta asigna case 1 millón de euros a sete áreas de rehabilitación integral en Ribadavia, Ourense e Castro Caldelas

Estes fondos poderán destinarse á concesión de axudas dirixidas aos propietarios de vivendas e edificios a rehabilitar así como aos propios concellos

A Xunta de Galicia acaba de asignar en total preto dun millón de euros aos concellos de Ourense, Ribadavia e Castro Caldelas para financiar distintos tipos de actuacións de recuperación e urbanización nas sete áreas de rehabilitación integral (ARIS) declaradas nestes municipios.

AVANTAR ACTIVIDADES

Tras analizar todas as solicitudes recibidas e tendo en conta o cumprimento de obxectivos de cada concello nas convocatorias anteriores, o Goberno galego resolveu incluír a 22 entidades locais galegas no reparto dos 10,2 millóns de euros dispoñibles para 2021 no marco do Programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural, confinanciado polo Executivo autonómico e o estatal.

No caso da provincia ourensá son tres os municipios beneficiados. Así, Ourense poderá xestionar un total de 556.000 euros para actuacións a executar nas catro ARIS para as que solicitou financiamento, mentres que a Castro Caldelas lle corresponderán case 126.000 euros para actuar na súa única ARI.

En canto a Ribadavia, no reparto definitivo dos fondos asignóuselle algo máis de 263.000 euros a dividir entre as súas dúas áreas de rehabilitación integral. Neste caso concreto, cómpre subliñar que unha delas foi declarada Área rexurbe o ano pasado, condición que tivo en conta a Xunta á hora de repartir os fondos dispoñibles e que se traduciu nun reforzo do financiamento asignado ao Concello de Ribadavia para este ámbito en concreto.

Así mesmo, a aposta da Xunta polas áreas rexurbe, unha figura creada pola Lei de rehabilitación para recuperar de forma integral determinadas zonas grazas ao investimento público e privado, tamén se reflicte na última convocatoria lanzada polo IGVS para adquirir inmobles neste tipo de ámbitos e rehabilitalos con fins residenciais. De feito, no marco do Programa Rexurbe deste ano, a Xunta recibiu catro ofertas de particulares para vender inmobles en estado de abandono en Ribadavia.

Unha vez resolta a convocatoria do Programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural e notificados os beneficiarios, o seguinte paso será asinar convenios específicos con cada un dos 22 concellos seleccionados para que, a continuación, as propias Administracións locais procedan a convocar as correspondentes axudas, ás que poderán optar os propietarios das vivendas e edificios a rehabilitar dentro de cada ARI.

O importe máximo das subvencións dirixidas a particulares e comunidades de veciños é de 24.000 euros por vivenda, sen que poida superar o 50% do orzamento da actuación. En todo caso, poderá chegar atao 85% cando o solicitante teña ingresos inferiores a tres veces o IPREM e cando se acometan actuacións de mellora da accesibilidade e se acredite que na unidade de convivencia hai persoas con discapacidade ou maiores de 65 anos.

Ademais, os concellos recibirán tamén subvencións para executar pola súa conta actuacións de urbanización e reurbanización de espazos públicos no ámbito da ARI, cun importe de ata 2.000 euros por cada vivenda rehabilitada.

A maiores, a Administración local contará con financiamento para sufragar os custos asociados á oficina municipal de rehabilitación —1.500 euros por vivenda rehabilitada ou construída en substitución doutra existente—.