A Xunta investirá máis de 96.000 euros no polígono industrial de Chorente para a mellora das vías de acceso ás parcelas e a súa sinalización

O delegado territorial da Xunta fixo o anuncio esta mañá na súa visita ao parque empresarial de Allariz

  • O delegado territorial explicou que esta achega, encadrada na Orde de Parques Empresariais, ten como finalidade a mellora da pavimentación actual de varias vías de acceso ás parcelas do parque empresarial e a sinalización das mesmas
  • A provincia de Ourense contará con proxectos en 11 parques empresarias, pertencentes a 10 concellos, que se apoiarán en un investimento de máis de 1,1M de euros, dos que 912.222 euros serán aportados pola Xunta
  • A Xunta de Galicia destina este ano 4,12M€ para apoiar 58 proxectos de mellora das infraestruturas de 52 parques empresariais repartidos por 51 municipios galegos. Deles, 38 son Concellos Emprendedores

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou esta mañá, acompañado da alcaldesa, Cristina Cid, o parque empresarial de Chorente no concello de Allariz para anunciar un investimento de 96.000 euros da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación para co financiar unha actuación de 120.000 euros.

AVANTAR ACTIVIDADES

O delegado territorial explicou que esta achega, encadrada na Orde de Parques Empresariais, ten como finalidade a mellora da pavimentación actual de varias vías de acceso ás parcelas do parque empresarial e a sinalización das mesmas. Deste xeito, está proxectada a rexeneración do pavimento asfáltico existente mediante a extensión dun rego asfáltico, a mellora da sinalización horizontal e a colocación de sinais verticais.

Gabriel Alén destacou que “este tipo de actuacións enmárcanse na aposta da Xunta por impulsar a actividade industrial e mellorar a competitividade dos parques empresariais grazas á mellora das súas infraestruturas e ao impulso da creación de novas empresas que permiten xerar emprego”.

Con esta liña, da que se poden conceder anticipos de ata o 25%, preténdese favorecer unha actualización permanente dos parques industriais da Comunidade para dar resposta ás necesidade de infraestruturas, comunicacións ou de adecuación ás novas exixencias.

En total a Xunta de Galicia destina este ano 4,12M€ para apoiar 58 proxectos de mellora das infraestruturas de 52 parques empresariais repartidos por 51 municipios galegos. Deles, 38 son Concellos Emprendedores. A maior parte dos apoios (38) dedicaranse a infraestruturas viarias, aínda que tamén se realizarán proxectos relacionados coa xestión de residuos, a instalación de sistemas de seguridade e vixilancia, plantas de depuración de auga e colectores con vertedura á depuradora municipal, así como instalacións comúns destinadas á loita contra incendios dentro do parque.

A provincia de Ourense contará con proxectos en 11 parques empresarias, pertencentes a 10 concellos, que se apoiarán en un investimento de máis de 1,1M de euros, dos que 912.222 euros serán aportados pola Xunta.

Desde a súa posta en marcha, a través das liñas para a mellora dos parques empresariais galegos e para a creación de novos viveiros industriais, lévanse apoiados 593 proxectos de mellora nos parques empresariais e impulsados 13 viveiros industriais.