Últimos días da exposición «Nós tamén fomos emigrantes» na Pobra de Trives

I Poderase visitar ata o 30 de agosto na Sala de Exposicións do Edificio Santa Leonor

I Esta mostra enmárcase no proxecto «Corrente cultural» que propicia a colaboración entre o Concello da Pobra de Trives, ABANCA e Afundación

AVANTAR ACTIVIDADES

Últimos días para visitar a exposición Nós tamén fomos emigrantes. Fotografías da Axencia EFE sobre a emigración española no século XX na Pobra de Trives. Estará aberta ao público ata o vindeiro 30 de agosto, de luns a venres de 10.00 a 13.30 h e de 16.00 a 19.00 h, sábados de 10.30 a 14.00 h e de 16.00 a 19.00 h e os domingos de 10.30 a 14.00 h.

A exposición foi posible grazas á colaboración entre Afundación, ABANCA e o Concello da Pobra de Trives, e é parte do proxecto «Corrente cultural», que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Grazas a este proxecto, Afundación, a Obra Social de ABANCA, impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística alén das súas sedes e trasladándoa ás localidades galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade.

A exposición consiste nunha selección de corenta fotografías da emigración, tanto española como galega, procedentes dos arquivos da Axencia EFE. O obxectivo é o de tratar de achegarnos a esa realidade histórica a través dunha síntese fotográfica das migracións mediante a mirada profesional e humana dos fotoxornalistas da época. É a historia de «millóns de españois que tiveron que abandonar a súa terra para sobrevivir», en palabras de Miguel Ángel Gozalo, director da Axencia EFE entre 1996 e 2004.