A Xunta estuda varias propostas para os novos puntos de encontro familiar

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, mantivo esta mañá unha reunión co presidente da Mancomunidade de Concellos de Verín, José Luís Suárez,  e con José Manuel López, representante dos pais da comarca para estudiar posibles emprazamentos para o novo Punto de Encontro Familiares (PEF) que se abrirá na provincia. A extensión deste servizo responde á aposta decidida da Xunta de dar unha cobertura máis ampla a toda a poboación, atendendo ás características de dispersión e núcleos rurais de Galicia.

O responsable territorial lembrou que nos municipios que carecen dun centro destas características é o xulgado o que se encarga de derivar cada petición ao PEF máis próximo ao domicilio dos usuarios.

AVANTAR ACTIVIDADES

Gabriel Alén adiantou que se está xestionando a posta en funcionamento de novos espazos, analizando as distintas posibilidades para que a súa localización responda do xeito máis óptimo ás necesidades dos usuarios. O representante do Goberno galego explicou tamén que se analizarán todas as propostas que se realicen, estudando as características e necesidades de cada lugar.

En  Ourense existe actualmente un único Punto de Encontro Familiar, que está situado no Espazo Xove da capital, ao igual que en cada unha  das sete cidades galegas. Este servizo preserva a relación entre os menores e persoas das súas familias en situación de crise. Busca a seguridade e o benestar dos nenos facilitando o cumprimento do réxime de visitas e garante que nunha situación de separación, divorcio, nulidade, tutela ou calquera outro suposto de interrupción da convivencia familiar, o exercicio deste dereito non se vexa interrompido ou o seu cumprimento resulte difícil ou conflitivo.