Os deputados do PP demandan solución para os 25.870 habitantes do rural sen acceso a servizos financeiros

Ante a situación dos 26 concellos ourensáns que carecen de oficina bancaria

  Os representantes ourensáns, en base a un informe do Banco de España, rexistraron no Congreso unha iniciativa parlamentaria dirixida a coñecer que accións está a adoptar o Goberno para establecer solucións alternativas ás canles tradicionais, co obxectivo de garantir o acceso da poboación no rural  aos servizos bancarios, evitando así a chamada “exclusión financeira”

AVANTAR ACTIVIDADES

Os deputados populares pola provincia de Ourense, Ana Vázquez e Celso Delgado, rexistraron no Congreso unha iniciativa parlamentaria dirixida a coñecer que accións está a adoptar o Goberno para establecer solucións alternativas ás canles tradicionais, co obxectivo de garantir o acceso da poboación no rural  aos servizos bancarios, evitando así a chamada “exclusión financeira”.

Os representantes populares recollen así as conclusións dun estudo do Banco de España sobre a “Infraestrutura do efectivo e a vulnerabilidade no acceso ao efectivo en España”.  Un informe que sinala que na provincia de Ourense o número de puntos de acceso ao efectivo era de 418, o que supón un grao de concentración do 0,45 %. Isto significa que hai un total de 25.870 ourensáns sen puntos de acceso, o 8,4 % da poboación.

Dos 92 concellos ourensáns, 26 carecen de oficina bancaria: Arnoia, Baltar, Beade, Os Blancos, A Bola, Carballeda de Avia, Castrelo do Val, Cenlle, Coles, Chandrexa de Queixa, Xunqueira de Ambía, Xunqueira de Espadanedo, Lobeira, Melón, Monterrei, Oímbra, Petín, Piñor, Porqueira, Pontedeva, Punxín, Rairiz de Veiga, Taboadela, Trasmiras, Verea e Vilar de Santos. Aínda hai outros pequenos  concellos nos que se mantén unha oficina aberta, pero só algúns días á semana, como é o caso de Vilariño de Conso onde a veciñanza só dispón deste servizo os luns e os mércores durante oito horas.

O estudo do Banco de España analiza como afecta a distribución da infraestrutura de efectivo aos seus usuarios, afirmando que “unha maior redución e/ou concentración destas infraestruturas aumenta a brecha entre quen atopa dificultades para acceder ao diñeiro efectivo e quen ten fácil acceso a el”.

O uso de diñeiro en efectivo segue sendo importante para moitos cidadáns, engade o informe, “en particular para aqueles que teñen dificultades no acceso a determinados servizos financeiros convencionais ou escasos coñecementos dixitais”. Neste sentido sinálase como fundamental “asegurar que os cidadáns que desexen usar este medio de pago teñan acceso a el, xa que o grao de acceso físico a servizos financeiros básicos, así como a medios de pago como o efectivo, determina en parte o nivel de inclusión financeira da poboación”.

Constata o informe que “en España a redución do número de puntos de acceso ao efectivo desde 2008 foi moi notable”. O número de oficinas bancarias diminuíu preto do 50 %, mentres que o total de caixeiros automáticos recortouse un 20 %. A redución da capacidade instalada foi desigual entre provincias, “cun efecto asimétrico sobre a cobertura da infraestrutura tradicional de efectivo e, por tanto, sobre o acceso a este medio de pago”.

Advirte o Banco de España que é previsible que a redución do número de oficinas e de caixeiros automáticos continúe nos próximos anos, ante o incremento da dixitalización e a procura dunha maior eficiencia por parte das entidades de crédito.

PREGUNTAS AO GOBERNO.

Diante deste problema, os deputados ourensáns  rexistraron as seguintes preguntas:

·      Que, accións está a impulsar e impulsará o Goberno para asegurar o acceso ao efectivo aos habitantes dos 26 concellos ourensáns que hoxe carecen de puntos de acceso?

·      Que, accións está a impulsar o Goberno para impulsar o uso da rede de oficinas e de persoal de Correos como medio alternativo para dispoñer de efectivo especialmente nas zonas rurais?

·      Cales son as accións de educación financeira de colectivos do ámbito rural executadas no marco do convenio subscrito o 25 de xaneiro de 2021 entre o Ministerio de Consumo, o Banco de España e a CNMV,  para o desenvolvemento do Plan Financeiro e para reducir a exclusión financeira?

·      Cales son as accións executadas no marco do convenio subscrito o 7 de setembro de 2020 entre o Ministerio de Educación e Formación Profesional co Banco de España e CNMV para o desenvolvemento do Plan de Educación Financeira?