Jácome crea o Concello de Ourense S.A.D.

Segundo o BNG, non actúa como alcalde de Ourense senón como lobista, ao tempo que critican o seu desprezo e falla total de respecto aos clubes da cidade. Para os nacionalistas, a última ocorrencia en materia futbolística roza o esperpento máis absoluto
Piden que o PP, quen obstenta as competencias en deportes, aclare se está ao tanto da operación e sobre todo se a comparte

Que o actual rexedor, Gonzalo Pérez Jácome, despreza todo o que teña que ver con Ourense queda cada vez máis demostrado. Un alcalde que cuestiona, critica e humilla a clubes, asociacións, entidades, e sectores enteiros da sociedade ourensá non é digno do posto que ocupa.

Para o Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense a súa última ocorrencia en materia deportiva de “ofrecer asilo” a un clube foráneo para que dispute os seus partidos como local na nosa cidade deixa claramente ao descuberto que Jácome actúa como lobista de intereses privados desde o despacho de alcaldía, amparando proxectos que por desgraza deixaron un infausto recordo se falamos de C.D.Ourense ou mesmo tentativas semellantes noutras cidades non tan lonxanas, e non, e tal e como se lle presupón, polo cargo que ostenta, de defensor e impulsor dos clubes da propia cidade.

AVANTAR ACTIVIDADES

Desde o BNG instan a Jácome a que en vez de malgastar esforzos en tentar traer equipos foráneos a Ourense, adique toda a súa enerxía a reclamar investimentos diante da Xunta de Galiza para que Ourense deixe de ser a “cenicienta de Galiza” tal e como sempre afirma, para reclamar do Estado unha intermodal digna, para evitar perder a subvención da Praza de Abastos nº 1 ou mesmo para captar investimentos dos Fondos Next generation. Cuestións prioritarias e verdadeiramente útiles para Ourense, afirman os nacionalistas.

Igualmente, o BNG trasladoulle esta mañá na reunión semanal do Consello Municipal de Deportes ao concelleiro delegado Mario Guede, unha batería de preguntas relacionadas co anuncio feito onte polo alcalde e relativas a: está o concelleiro delegado de deportes ao tanto da operación anunciada onte pola alcadía de que un clube de fútbol foráneo viría xogar a Ourense?, avala esta operación?

 A Xunta de Galiza, propietaria do Estadio do Couto autorizaría a que un terceiro equipo empregase esa instalación?, Cales son os termos, condicións e custe económico para as arcas municipais de que este clube foráneo veña a Ourense?. Como se conxuga voltar ás subvencións nominativas para que os clubes de Ourense sexan máis competitivos ao tempo que agora queren meter un clube foráneo na cidade?.

Para o BNG resultaron tremendamente sorprendentes as respostas do concelleiro delegado de deportes Mario Guede, quen afirmou que esta cuestión era “un tema personal del alcalde. Yo no he intervenido en nada”.

Ao mesmo tempo Guede afirmou que “las explicaciones de la nota de prensa hay que pedírselas al alcalde, yo no estoy capacitado para hablar de este tema, no he participado”.