O Psdeg-Psoe de Ourense reclama que o concello recupere a xestión municipal da casa de acollida

O Psdeg-Psoe de Ourense reclama que o concello recupere a xestión municipal da casa de acollida cun modelo de funcionamento público e directo a partir de 2022

Os socialistas lembran que a dotación foi transferida e asumida pola Xunta de Galicia ante a incapacidade do anterior goberno do PP e logo do bipartito PP-DO de sacar adiante o contrato de xestión

AVANTAR ACTIVIDADES

Solicitan que o executivo local cumpra co compromiso asumido pola concelleira de Benestar Social, Eugenia Díaz Abella, e reivindican a xestión directa “con traballadores e traballadoras municipais”

O PSdeG-PSOE de Ourense anuncia que levará unha iniciativa ao vindeiro pleno municipal do Concello para reclamar que o goberno local recupere a xestión municipal da Casa de Acollida e aposte por un modelo de funcionamento público e directo a partir do vindeiro ano 2022. Os socialistas lembran que esta dotación foi transferida e asumida pola Xunta de Galicia ante a “incapacidade do anterior goberno do PP e logo do bipartito PP-DO de sacar adiante o contrato de xestión”, que quedara deserto polo insuficiente orzamento de licitación, estipulado en 100.000 euros.

“Estamos falando dun recurso municipal que foi cedido á Xunta de Galicia polo nulo interese do Partido Popular e de Jácome, e que dende o grupo municipal socialista queremos recuperar e pór en valor”, sinalan, ao tempo que lembran o compromiso adquirido pola actual concelleira de Benestar Social, Eugenia Díaz Abella de recuperar a Casa de Acollida. “Esiximos que sexa fiel á súa palabra ou se sume á inacabable lista de falsas promesas dos populares na cidade”.

“Para nós, a Casa de Acollida é un lugar clave para a protección, atención e recuperación das mulleres vítimas da violencia machista e dos seus fillos”, salientan en relación a este servizo, que tamén ofrece “soporte a nivel psicolóxico, educativo, sociolaboral e xurídico”, segundo queda recollido no texto da moción.

Ademais, os socialistas apostan de xeito decidido por un modelo de xestión directa do servizo durante o presente mandato, atendido por traballadores e traballadoras do Concello de Ourense, “algo totalmente asumible posto que a institución conta cun amplo remanente de tesouraría e con activos financeiros, e tamén está en marcha a configuración dunha nova Relación de Postos de Traballo do Concello de Ourense”, abundan.

“Esta aposta estratéxica significaría que o Concello de Ourense asume todas as competencias da Casa de Acollida, unha demanda histórica desta cidade que o goberno local goberno debe materializar, procedendo á recuperación da Casa de Acollida no ano 2022 e creando os postos de traballo necesarios para levar a cabo esa xestión pública e directa nos vindeiros anos”, esixen.

Vigo e Coruña, exemplos de xestión municipal

Como exemplos de xestión directa municipal de centros de acollida, os socialistas fan referencia aos concellos de Vigo e A Coruña. A cidade olívica conta cun Centro de Emerxencia para Mulleres (CENVI) –con capacidade para 20 persoas– e A Coruña, cunha Rede de Acollida da que forman parte a Casa de Acollida ás Mulleres Vítimas de Violencia de Xénero (CAM) –con capacidade para 19 persoas– e dous Pisos de Transición para a Vida Autónoma (PITVA) –con capacidade para 11–.