Gonzalo Caballero lamenta que a Xunta deixe sen executar 4 de cada 10 euros de fondos europeos: “a estratexia da ineficacia de feijoo lastra as posibilidades de reactivació30

O secretario xeral do PSdeG propón “un gran acordo de país para aproveitar as oportunidades dos Next Generation” ante a falla de rumbo do goberno da Xunta

Rafael Villarino denuncia que o goberno de Ourense carece de capacidade para desenvolver proxectos e reclamou que a cidade non quede á marxe dos fondos europeos

AVANTAR ACTIVIDADES

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, lamentou hoxe que o goberno galego deixe sen executar catro de cada dez euros de fondos europeos que chegan a Galicia, tal e como revela un dos últimos informes do Consello de Contas. “Con ese balance”, alerta Caballero, “non podemos afrontar con éxito o reto dos fondos Next Generation, dos fondos de resiliencia e dos fondos de recuperación que veñen de Europa”.

O líder socialista amosouse “fondamente preocupado” por estes datos “alarmantes” e que constatan que a Xunta é “incapaz, indolente e que non ten estratexia nin ambición” para impulsar unha reactivación que debe estar asentada en tres piares básicos: a modernización da economía, a xeración de emprego de calidade e a cohesión social.

Con respecto aos Next Generation, Gonzalo Caballero denunciou que a día de hoxe “a Xunta non ten un mapa de prioridades nin hai acordos sobre cales son os proxectos fundamentais e máis punteiros para modernizar a economía galega, nin sabemos nada máis que a Xunta pasou de falar de 7 proxectos a 106 e despois a 354”. “Unha carta aos reis magos que implica a falta de seridade, de rigor e de solidez do goberno galego”, concluíu o secretario xeral do PSdeG.

Por iso, Gonzalo Caballero advertiu de que “se Feijoo segue instalado na estratexia da ineficiencia, da ineficacia e da falla de xestión estará lastrando as posibilidades que se abren para a reactivación en Galicia grazas aos fondos europeos”. De seguir nesta liña, o líder socialista alerta de que “non se xerará o emprego que se pode xerar e teremos máis dificultades coa cohesión social e coa modernización do país”.

“GALICIA NON PODE PERDER UNHA OPORTUNIDADE HISTÓRICA”

Así, Gonzalo Caballero reclamou un cambio de rumbo na estratexia de acción do goberno galego para ser quen de executar os fondos europeos.En caso contrario, “Galicia estará perdendo unha oportunidade histórica para que os Next Generation que van chegar agora dean a mellor rendibilidade para todas e todos no gran obxectivo da reactivación”.

O líder socialista sinala ademais que ese cambio de rumbo debe vir “dun gran acordo de país para aproveitar todas as oportunidades dos Next Generation”. Por iso tende a man do PSdeG “para axudar a Feijoo a facer aquilo que non soubo e non sabe facer”.

Ao mesmo tempo, anunciou ademais o traballo do grupo parlamentario socialista para o curso político que está a piques de empezar para optimizar a chegada deses fondos europeos para a consecución da modernización da economía, na xeración de emprego e na cohesión social.

Gonzalo Caballero sinala que “se non hai unha liña de acción estratéxica, os Next Generation serán unha oportunidade perdida e Galicia quedará sempre lamentándose de que cada vez que temos unha oportunidade a botamos no lixo porque o goberno de Feijoo está ausente, non ten estratexia e non ten medidas”.

RAFAEL VILLARINO

Gonzalo Caballero realizou estas declaracións nunha visita á cidade de Ourense na que, entre outros estivo acompañado do secretario provincial do PSdeG, Rafael Villarino.

Na súa intervención ante os medios, Villarino cualificou os fondos Next Generation de tema “estratéxico e vital para Ourense” e reivindicou que “a cidade non quede á marxe” das posibilidades que ofrecen.

Recordou que non existe “nin unha soa proposta do Concello para poder facer nada ao respecto” e que, precisamente esta cuestión,  “xerou a primeira disensión importante no grupo de goberno entre Jácome e o PP”. “O alcalde e o goberno”, afirmou, “non teñen interese en desenvolver proxectos en colaboración con outras administración públicas”.

Rafael Villarino tamén amosou a disposición do PSdeG a colaborar “para que os Next Generation cheguen a esta cidade” e nos se perda outra oportunidade. Nesta liña preguntouse “que máis ten que pasar para que esta cidade esperte e se decate de que non se poden despilfarrar 62 millóns de euros de fondos propios, perder 3,5 millóns de euros da praza de Abastos e para que non se deixe escapar a oportunidade de aproveitar os fondos europeos”.