Comentarios a modificación da área industrial do carballiño (I) : “do Patrimonio Natural e a Paisaxe”

A proposta de modificación da área industrial do Carballiño, pretende desenvolver dúas zonas ben diferenciadas; unha delas situada ao sur do actual polígono industrial e dentro do termo municipal do Carballiño, cunha superficie de 20 Has. e a outra máis extensa, abrangue unha superficie de aproximadamente 100 Has. e ubicada o leste da actual área industrial e integrada na súa totalidade da superficie dentro do termo municipal de Maside.

1) Do Patrimonio Natural e a Paisaxe.

AVANTAR ACTIVIDADES

            Neste apartado, o aspecto máis salientable é que a zona proposta, aparece atravesada polo Río Varón e algún pequeno tributario, polo que se pode observar na planimetría xenérica facilitada. Ademáis do río indicado con anterioridade o resto da superficie, e como ben se pode observar in-situ, podemos apreciar abundancia de vexetación, formada principalmente por masas árboreas adultas.

            A Directiva 92/43/CEE define como “hábitats naturais de interese comunitario”, os que no territorio da U.E. atópanse ameazados de desaparición na súa área de distribución natural; ou ben; presentan unha área de distribución natural reducida a causa da súa regresión ou debido a súa área intrínsicamente restrinxida; ou ben constitúen exemplos representativos de características típicas dunha ou varias das nove rexións bioxeográficas existentes.

            A propia Directiva considera como ¨habitats prioritarios” os tipos de habitats naturais ameazados de desaparición presentes, cuxa conservación supón unha especial responsabilidade, habida conta da importancia da proporción da súa área de distribución natural incluída no territorio da Unión Europea. No ANEXO I da mencionada DIRECTIVA COMUNITARIA enuméranse os habitats considerados de interese comunitario así como os prioritarios, sinalando estes últimos mediante un asterisco (*).

            O ANEXO I da Directiva 92/46/CEE engloba 231 tipos de habitats de interese comunitario, dos que 71 tipos son considerados como habitats prioritarios. En Galicia están presentes 72 tipos de habitats de interese comunitario, dos cales 18 son considerados como prioritarios (*).

            Dentro da zona proposta podemos observar algunhos destes habitats que merecen algunha atención por parte da U.E. e tamén observamos algún habitat prioritario como é o caso do 91E0* Bosques aluviais de Alnus glutinosa e Fraxinus excelsior (Alno-Padion, Alnion incanae, Salicion albae).

           Outro dos habitats presentes é o 9230 Carballeiras galaico-portuguesas con Quercus robus e Quercus pyrenaica.

            Posiblemente podan existir outros habitats de interese comunitario vencellados a augas doces, xa que unha parte importante da superficie proposta é un humedal, aínda que para o seu análise sería preciso realizar algún estudo con certa profundidade.

            En canto ao habitat prioritario existente na zona o 91E0* é preciso a súa preservación e protección e máis logo da praga derivada do fungo Phitophthora alni e que tantos estragos fixo nos amieiros de ribeira nos derradeiros anos. Ademais de ser unha obriga a súa protección por tratarse dun habitat prioritario, tamén fai unha función esencial na regulación das canles e dos caudais nos cursos fluviais nos episodios de fortes tormentas e choivas prolongadas no tempo.

            En canto a fauna podemos dicir, que nas partes máis húmidas podemos afirmar da existencia de especies catalogadas, como pode ser o caso dalgúns anfibios, reptiles continentais, morcegos e aves no resto da zona.

            Outro aspecto a ter en conta é a paisaxística xa que a orografía do terreo e con especial atención ao mapa de pendentes da zona e a súa orientación oeste, fai que recaia na poboación de Carballiño, un gran impacto visual, que ao verse na obriga de facer elevados movementos de terras e a construcción de grandes muros para a urbanización destes terreos, que dito sexa de paso, poderían poñer en entredito a viabilidade de calquera iniciativa ou actividade económica que quixera instalarse na zona, debido aos elevados custos constructivos, ademáis de posiblemente incumprir as Directrices de Ordenación do Territorio neste senso.

CONCLUSIÓNS:

1) Non se pode considerar que esta sexa unha modificación da Área industrial do Carballiño, máis ben deberíase tratar ou considerar, como unha nova Área Industrial no Concello de Maside.

2) De calquera proposta dunha nova área industrial deberase excluir o río Varón, incluida a zona de Policía para a protección dos diferentes hábitats prioritarios e non prioritarios existentes, así como evitar no posible episodios non desexados de inundacións e contaminacións do ecosistema fluvial e que poden traer perxuicios económicos, sociais e ambientais moi graves para a poboación do Carballiño.

3) Rechazar a actual proposta de modificación da Área Industrial do Carballiño en canto a zona que aparece delimitada íntegramente no concello de Maside.

4) O documento facilitado para realizar os comentarios ou alegacións pertinentes é moi xenérico, cartografía pouco precisa, fallan mapas de pendentes, orientacións…, non existen estudos de ningún tipo como pode ser estudos da fauna, vexetación, ecosistemas, hidrolóxicos, xeoloxía….

Colectivo da defensa do Patrimonio do Carballiño