O deputado socialista Luc André Diouf chama á comunidade inmigrante a participar na vida política

O PSdeG-PSOE de Ourense vén de recibir a visita do deputado socialista no Congreso e secretario executivo de Política de Refuxiados do PSOE, Luc André Diouf, quen estivo en Ourense para coñecer de preto a realidade migratoria da cidade e estreitar lazos cos cidadáns estranxeiros residentes en Ourense. Así, durante un encontro de traballo cos socialistas ourensáns, ao que tamén acudiron varios representantes da comunidade senegalesa, Diouf fixo un chamamento á “participación activa” das persoas inmigrantes na vida política da cidade: “Hai máis de cinco millóns de emigrantes vivindo en España, temos que ser partícipes do cambio que queremos. Ten que haber máis Luc André”.

“Eu cometín o erro de non entrar antes á vida política porque non entendía que os cambios fanse dende dentro, non dende fóra. O PSOE é o único partido que ofrece eses espazos para a poboación inmigrante, e hai que aproveitalos”, afirmou en contraposición ás políticas da ultradereita “que ameazan o país plural e diverso que coñecemos”, lamentou.

AVANTAR ACTIVIDADES

Neste sentido, o senegalés reivindicou o forte compromiso do goberno de Pedro Sánchez para colocar a políticas migratorias no centro da acción política: “Amosouno co buque Aquarius e estao a amosar agora con Afganistán”, exemplificou.

Pola súa banda, o secretario de Emigración do PSdeG-PSOE de Ourense, Luís Gulín, destacou a necesidade de recuperar a iniciativa socialista aprobada no pleno do mes municipal do pasado mes de xuño para a creación dun Consello da Multiculturalidade por parte do Concello de Ourense, unha ferramenta “indispensable” para “visibilizar a comunidade inmigrante en Ourense”.

Neste mesmo sentido manifestouse o secretario provincial dos socialistas de Ourense, Rafa Villarino, quen lembrou que a cidade ten case un 12 % de poboación de orixe estranxeiro polo que manifestou a necesidade de “loitar para que este organismo municipal sexa unha realidade canto antes”.

Os representantes da Asociación de Senegaleses de Ourense, Mansour Wade e Abdou Lahad, aproveitaron para pór en valor a mediación da Subdelegación do Goberno en Ourense no conflito racial surxido no barrio do Couto a raíz da aparición dunhas cartas xenófobas dirixidas á poboación estranxeira que reside na rúa Jesús Soria. “Foi moi beneficioso xa que o delegado comprometeuse a intentar que non volvan repetirse estes actos de racismo. A partir dese momento, calmouse moito o ambiente”, relatou Wade.

“Ademais, a partir do convite do PSdeG-PSOE de Ourense a participar no deseño e creación dun Consello Municipal da Multiculturalidade, moitos de nós estamos conectados en grupos de Whatsapp e a partir de aí temos a oportunidade de intercambiar ideas e coñecer xente”, subliñou o senegalés afincado en Ourense.

Á xuntanza con Luc André Diouf tamén asistiron os deputados ourensáns no Congreso, Adolfo Pérez Abellás e Uxía Tizón, así como a deputada socialista no Parlamento de Galicia, Marina Ortega, que puxeron en valor a xenerosidade de Diouf e a necesidade de seguir establecendo sinerxías dende o eido local para lograr políticas migratorias en clave de xustiza social a nivel autonómico e estatal.