O termalismo europeo planifica campañas e xestión de fondos UE de cara á pospandemia

Manuel Baltar, como presidente da Asociación Termal Europea EHTTA, presidiu hoxe a reunión telemática do Consello de Dirección desta entidade, que analizou aspectos económicos e organizativos da rede pública termal máis importante, integrada por 51 cidades de 18 nacións

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presidiu hoxe a reunión telemática do Consello de Dirección do Comité Executivo da European History Thermal Towns Association (EHTTA), entidade integrada por representantes de 51 cidades de 18 nacións de Europa, a organización pública máis importante do termalismo mundial, “na que estamos a preparar os orzamentos do ano próximo, avaliando o labor desenvolvido nos últimos meses e coñecendo as propostas de eventos para as próximas datas, onde ocupa especial relevancia o día do Patrimonio Termal Europeo, que celebraremos o vindeiro 21 de outubro en Wiesbaden (Alemaña), e a Asemblea Xeral da EHTTA, que terá lugar o 4 de novembro en Vichy (Francia). 

AVANTAR ACTIVIDADES

Baltar cualificou a reunión como “unha boa oportunidade para seguir mantendo o pulso do termalismo publico en Europa”, e destacou a posible colaboración coa European Travel Commisión para a pór en marcha de campañas promocionais e proxectos para a captación de fondos europeos, “nun momento no que o termalismo pode ter un protagonismo de gran relevancia cara á etapa da pospandemia co crecente valor que están a acadar os destinos turísticos de natureza, descanso e benestar, e sobre todo de saúde, que representan as augas mineiro-medicinais, as que posuímos todas as cidades e os territorios membros desta importante organización”, salienta o presidente Baltar. 

Neste sentido, afirma que os xestores públicos do termalismo en Europa “reivindican o seu protagonismo, traballan e teñen deseñados xa os futuros plans de actuación, así como os orzamentos que inclúan actividades e accións tendo en conta unha oferta termal europea única, onde cada territorio achegue a súa especificidade, un ámbito no que Ourense ten moito que aportar, e entre estes elementos falamos desa conversión do Pazo Provincial nun dos grandes hoteis balnearios de Europa”, destaca Manuel Baltar.