O Museo do Viño acolle una visión sobre a historia gráfica das denominacións de orixe

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Museo do Viño de Galicia, en Ribadavia, acolle desde hoxe a exposición Etiquetas dos viños de Galicia, unha retrospectiva que repasa a historia gráfica das cinco denominacións de orixe galegas e que permanecerá no centro ata agosto de 2022. O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou na inauguración, onde sinalou que se trata dunha exposición “completa e necesaria” que abrangue numerosos aspectos da cultura vitivinícola en Galicia e “permite coñecer a súa evolución ata actualidade nun marco de especial simbolismo como é o Museo do Viño de Galicia, que reforza o seu papel como divulgador da historia vitivinícola galega”, engadiu.

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Como indicou, trátase dun repaso documentado que fai posible coñecer como as adegas galegas foron mudando as distintas imaxes coas que identificar os seus viños e “constata a importancia artística tamén neste eido con exemplos como o traballo desenvolvido por varias adegas cunha interesante proposta de botellas serigrafadas ao longo dos anos”, expresou  o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Preto dun cento de botellas

A exposición consta de dúas áreas diferenciadas. Nunha primeira parte afóndase na historia dos recipientes, botellas e distintos elementos físicos, para continuar cunha retrospectiva do etiquetado das botellas con exemplos históricos das cinco denominacións de orixe vitivinícola. En total, seleccionáronse preto dun cento de botellas e máis de 70 etiquetas históricas.

Ademais dos fondos do museo, cóntase con botellas doadas pola cidadania ou institucións como a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA), así como cedidas da colección de Viña Costeira, entre outras.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------