A Xunta licita as obras para contruír un novo albergue de peregrinos en Piñor

A Xunta vén de publicar a licitación para a contratación das obras que se van a realizar no albergue de peregrinos de Piñor nas que  o Goberno galego investirá máis de 1,1 millóns de euros. Esta actuación permitirá ampliar a rede pública de albergues e neste caso contará con 40 prazas para acoller aos peregrinos que percorren a Vía da Prata. Ademais, disporá de espazo de acollida para que as persoas que opten por facer o Camiño de Santiago a cabalo teñan unha zona onde deixar os animais cos servizos necesarios para o seu coidado.

A edificación situarase na localidade de Arenteiro e incluirá a rehabilitación integral de dúas edificacións existentes e a creación doutras tres, xunto con melloras para adecuar a contorna e os accesos. No proxecto de execución dáse prioridade, ao igual que nos novos albergues previstos da rede pública, á accesibilidade e á eficiencia enerxética. Así cumprirase coa normativa sobre barreiras arquitectónicas e adaptaranse as instalacións para acadar un maior aforro de enerxía a través da instalación de sistemas de calefacción, iluminación e auga adecuados e un sistema de tratamento de augas residuais.

AVANTAR ACTIVIDADES

Este proxecto súmase ás actuacións que a Xunta está a levar a cabo no marco do Plan de Albergues 2019-2021, dotado con 7 millóns de euros, e que inclúe a ampliación da rede  pública con 8 novas infraestruturas de acollida para os peregrinos co obxectivo de contar ao longo deste Xacobeo 21-22 con 78 albergues.

Tamén inclúe reformas e rehabilitacións nos xa existentes co obxectivo de contar con instalacións acondicionadas para a estadía dos peregrinos. Con este Plan, o Goberno galego avanza no seu compromiso de velar por unha óptima experiencia dos camiñantes, dotándoos de mellores infraestruturas e servizos.

Nesta liña, ata finais de ano impulsaranse actuacións para mellorar 28 albergues públicos en sete rutas do Camiño, con traballos para mellorar as condicións de confort dos usuarios, a accesibilidade e a eficiencia enerxética dos edificios contribuíndo ao mesmo tempo á conservación do patrimonio, liñas que se están a seguir tamén na construción dos novos albergues que se incorporarán á rede pública. No caso da Vía da Prata, están previstas obras de mellora nos albergues de Ourense, Sandiás, Vilar de Barrio, Xinzo e Xunqueira de Ambía. Ademais destas melloras e dos novos albergues, están previstas remodelacións integrais dos albergues de Arca en O Pino e no de Palas de Rei ao seu paso polo Camiño Francés.

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, considera que o traballo da Xunta para contar cun Camiño Seguro con tódolos trazados acondicionados e melloras nos albergues permitiu a súa reactivación neste Xacobeo 21-22 coa chegada de máis de 100.000 peregrinos no que vai de ano e coa previsión de pechar este 2021 por riba dos 140.000.

Tamén destaca a aplicación de tódolos protocolos anticovid para garantir a seguridade e a aposta da Xunta por “reforzar a mensaxe de Galicia como destino seguro e cun Camiño Seguro” con medidas pioneiras como o seguro coronavirus, que cubre os gastos sanitarios e de aloxamento derivados da posible situación de infección por covid-19. “Os peregrinos que fan o Camiño poden ter claro que é unha experiencia segura”, sinala.

Por outra parte, o Goberno galego vén traballando en consenso co sector no protocolo para seguir incrementando a capacidade dos albergues, actualmente no 50%, se a evolución epidemiolóxica segue a ser favorable, xunto coa posta en marcha dun manual de boas prácticas que se sumará ás medidas que xa están vixentes nos albergues para dar seguridade tanto aos peregrinos como aos albergueiros.


VIDEO SPOT PIÑOR en BADAL TV